Case duascentas placas solares para que a lonxa de Portonovo sexa máis eficiente enerxeticamente
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores a lonxa de Portonovo onde coñeceu o resultado dos investimentos realizados en materia de eficiencia enerxética cunha axuda de 65.000 euros para a instalación de 180 placas solares fotovoltaicas nos tellados do edificio, que permitirán un aforro en electricidade de arredor do 50%.
Un segundo investimento, cunha achega de 35.600 euros, permitiu a adquisición dunha carretilla elevadora e un portapalés eléctricos.
A conselleira estivo acompañada polo alcalde, Telmo Martín, o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o patrón maior, Martín Domínguez.
En total o ano pasado o goberno galego aprobou case cincuenta proxectos deste tipo que contaron cun valor de axuda de máis de 4,3 millóns de euros e esta semana o Diario Oficial de Galicia publicará a convocatoria deste ano á que se destinan 4,6 millóns de euros.
O obxectivo destas achegas -cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- é impulsar a mellora constante das instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar, a competitividade do sector e a súa rendibilidade, expuxo Rosa Quintana.
O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a "sensibilidade" que a conselleira do Mar "sempre ten con Sanxenxo e neste caso co porto de Portonovo", unha zona que "está chamada a ser de novo unha vila do tapeo e de degustación dos productos do mar que saen desta lonxa".
O rexedor aproveitou a visita para pedirlle a conselleira que mentras non se execute o proxecto de reordenación da zona portuaria se "acometa un pequeno lavado das instalacións a curto prazo".