O orzamento de Marín superará os 15 millóns e mantén conxelados os impostos
Por Redacción
"Un orzamento responsable, realista e enmarcado nun contexto de crise e de inflación, no que, a pesar de todos, seguimos mantendo as nosas taxas e impostos conxelados". Así resumiu este xoves o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, o orzamento municipal do 2023, que acaba de ser aprobado no pleno da corporación.
As contas ascenden a case 15,25 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,33% con respecto ao 2022.
Tal e como se pode ler na memoria dos mesmos, "o estado dos ingresos e dos gastos aparece equilibrado e cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria".
O concelleiro apuntou a importancia de ter en conta as subas de prezo e a elevada inflación que se está a producir. Aínda así, as contas municipais conseguen cubrir os gastos correntes e as inversións que se realizarán nos próximos anos cúbrense cuns convenios "traballados".
Neste sentido, engade Santos que eses convenios serviron para planificar "proxectos estables e que supoñen o reflexo da xestión e o esforzo que facemos desde o goberno local para seguir avanzando no Marín que queremos sen repercutir ese avance nunha suba impositiva".
Algúns deses proxectos xa son visibles na realidade, como o centro sociocultural na Praza de España ou os avances que se están a dar para construir un parking subterráneo no Parque Eguren. Outros, pola súa parte, serán realidade ao longo dos próximos dous anos e servirán para seguir construindo unha cidade "máis integrada, sostible, cómoda e competitiva a nivel económico".
Algunhas destas iniciativas enmarcaranse no Plan de Sustentabilidade Turística, con actuacións tan relevantes como a creación das piscinas naturais de auga salgada no Paseo Alcalde Blanco ou a restauración e dinamización do Lago de Castiñeiras, outra das xoia naturais de Marín.
"É un orzamento que trata de exprimir ao máximo os nosos ingresos, que posibilita a capacidade de inversión a través de aportacións doutras administracións e que propón melloras importantes e cuxa execución suporá un extraordinario esforzo a nivel de xestión municipal", rematou.
Relacionadas:
-
Marín pechou 2022 cun remanente de tesourería de máis de 2,5 millóns de euros
Por Redacción |
-
Aprobados os pregos para a concesión do local de restauración do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
Catro meses de obras para unha mellora integral da piscina municipal de Marín
Por Redacción |
-
O eixe de mobilidade sostible na estrada vella de Marín, entre Mollavao e Os Praceres, pasa a información pública
Por Redacción |