Aprobados os pregos para a concesión do local de restauración do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción
O Concello de Marín aprobou durante a Xunta de Goberno Local celebrada o pasado mércores os pregos que rexerán a licitación da concesión do novo establecemento de hostalaría que se creou na punta do Paseo Alcalde Blanco.
A concesión do lugar, que supón un importante atractivo dada a súa ubicación e ás espectaculares vistas da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo que esta ofrece, estará regulada mediante procedemento aberto.
O local ten máis de 150 metros cadrados e poderá ser explotado como unha cafetaría-restaurante, onde o adxudicatario terá que realizar as obras e instalacións precisas para levar adiante esta actividade, polo que será posible realizar unha visita previa ás instalacións para ver o seu estado actual e poder, deste xeito, preparar o plan e a documentación precisa.
Tal e como se pode ler nos pregos, os licitadores deberán introducir na súa proposta as reformas ou novas instalacións (decoración, equipamento, mobiliario, etc.) que considere precisas para a explotación, que quedarán reflectidas nun proxecto de mellora que non poderán afectar á estrutura, fachada e construcións esenciais do edificio, aínda que si poderán variar a distribución de usos e áreas destinadas a cada uso.
A concesión terá unha duración de quince anos, a contar desde o día seguinte á firma do documento administrativo no que se formalice a concesión. O prazo poderá ser prorrogado por un prazo máximo de cinco anos, nunha única prórroga, que deberá ser solicitada polo adxudicatario e que se concederá de forma facultativa por parte da administración.
A persoa concesionaria tamén se compromete a manter o local aberto tódolos días do ano, salvo os imprescindibles para levar a cabo tarefas de mantemento, reparación ou reforma, e manterá en perfecto estado a instalación, correndo ao seu cargo as reparacións ou reposicións correspondentes.
A presentación da documentación só poderá facerse de forma electrónica a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, no enderezo electrónico: https://contrataciondelestado.es.
Relacionadas:
-
Envían a Costas a información para avalar ambientalmente as piscinas de auga salgada no Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
O orzamento de Marín superará os 15 millóns e mantén conxelados os impostos
Por Redacción |
-
Avanzan na tramitación para crear piscinas naturais xunto ao Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
Marín celebra a inauguración do renovado Paseo Antonio Blanco co seu gran miradoiro e os xogos acuáticos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |