Dous anos de cárcere por difundir fotografías pornográficas con nenos de entre 4 e 7 anos
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra condenou a dous anos de cárcere a un home que enviou a unha amiga por WhatsApp unha serie de fotografías pornográficas nas que aparecían menores con idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos mantendo relacións sexuais explícitas.
Foi a muller, nada máis recibir as imaxes, quen o denunciou á Policía Nacional, derivando nunha investigación que foi instruída polo Xulgado de Instrución número 2 de Marín.
A sentenza considera probado que o acusado reenviou as fotografías o 6 de agosto de 2019 desde un número de teléfono do que era titular el mesmo.
Tras a denuncia, un xulgado de Santiago -cidade na que residía a muller que recibiu as fotos- ordenou o rexistro do domicilio do remitente das fotos e autorizou o acceso policial a todos os dispositivos electrónicos e de almacenamento de datos que posuía.
Alí, entre outro material, os axentes acharon un teléfono móbil que contiña once arquivos de vídeo de contido sexual. Neles, observábase a menores espidos -algúns claramente con idades inferiores aos 16 anos- e participando en actividades de tipo sexual.
Algúns destes arquivos localizáronse no cartafol de enviados que xera WhatsApp, polo que quedou certificado que o acusado os compartiu con outros usuarios.
Ademais, no disco duro dun computador portátil que o acusado tiña no seu lugar de traballo os investigadores acharon rexistros de usuarios con nomenclatura pedófila, 650 fotografías e tres vídeos de contido sexual nos que aparecen menores de idade.
Os maxistrados da sección segunda da Audiencia de Pontevedra consideran que esta conduta é constitutiva dun delito de tenencia e distribución de pornografía infantil, polo que acordaron condenalo a dous anos de cárcere.
Esta pena, ao non ter antecedentes, quedará suspendida e, por tanto, este home non entrará en prisión se non comete ningún outro delito nos próximos dous anos, nos que estará en liberdade vixiada e obrigado a participar en programas formativos e de educación sexual.
O condenado quedará ademais inhabilitado durante cinco anos para realizar calquera profesión, oficio ou actividade retribuída ou non que conleve contacto con menores de idade.
Esta sentenza é firme e contra ela non cabe presentar recurso algún, ao ditarse en virtude dun acordo de conformidade e comprometerse as partes a non recorrer o fallo.