Cinco feridos nun accidente frontal entre dous coches en Caldas de Reis
Por Redacción
Cinco persoas resultaron feridas tras o choque frontal que se produciu entre dous coches que circulaban pola N-550, ao seu paso por Caldas de Reis.
O accidente rexistrouse sobre as 18:45 horas deste sábado á altura do quilómetro 93 desta estrada nacional, na parroquia de Carracedo.
Tres das vítimas tiveron que ser excarceradas, dous dos ocupantes dun dos coches, e outra das persoas que viaxaba no outro vehículo.
Os cinco implicados foron trasladados ao hospital en ambulancias do 061, tras ser atendidas inicialmente no lugar do accidente.
Ata o lugar, o 112 Galicia mobilizou aos bombeiros de Vilagarcía e Ribadumia.
Ademais, acudiron axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Caldas e membros de Protección Civil de Caldas e de Cuntis.
Para restablecer as condicións de seguridade na vía, o servizo de emerxencias pediu tamén a presenza de persoal do servizo de limpeza e mantemento das estradas.