Intervención dos Bombeiros nas oficinas do Concello por unha inundación
Por Oskar Viéitez
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir á primeira hora deste luns por unha pequena inundación sufrida no segundo soto das oficinas do Concello no número 30 da rúa Michelena.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, restou importancia ao incidente que se produciu "durante a noite de hoxe polas choivas que caeron". Este edificio dispón dun depósito de retención de auga que desbordou ao non funcionar correctamente o sistema de bombeo.
Unha avaría no cadro eléctrico "probablemente por unha subida de tensión" foi o causante de que non se activasen as bombas de achique.
Foi necesaria a intervención dos Bombeiros e dos servizos técnicos municipais para baleirar ese depósito de auga. Tamén se procedeu ao secado do piso afectado pola inundación.
Non se rexistraron danos materiais significativos.