Rebaixan a pena a un pai condenado por violar ás súas fillas adolescentes en Marín
Por Natalia Puga
A revisión de penas tras a entrada en vigor da Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como as Lei do 'só se é se', rebaixou en dous meses a condena de cárcere a un home que no ano 2008 foi condenado por violar ás súas dúas fillas adolescentes en Marín.
O home foi condenado por dous delitos, agresión sexual e continuado de violación e, tras a entrada en vigor da lei, pediu a revisión. Por un dos delitos, a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou revisarlle a pena, pero polo outro si lla revisou e rebaixou.
Trátase dunha condena de 14 anos e medio de prisión por un delito continuado de violación que quedou en 14 anos e catro meses.
En canto ao outro delito, polo que fora condenado a sete anos e un día de cárcere por agresión sexual, queda igual tras a revisión porque a nova lei non é máis favorable ao reo.
Este home, natural de Serra Leona, aínda que con residencia legal en España, trouxo desde o seu país de orixe ás súas fillas menores de idade -de 13 e 14 anos- e instaláronse en Marín. Durante máis dun ano, violounas no domicilio familiar.
Segundo consta na sentenza ditada pola Audiencia en 2008, unha noite violou á menor das súas fillas mentres lle dicía que estivese tranquila, que aquí era normal que os pais fixesen esas cousas coas súas fillas e a outra dicíndolle algo sobre a Biblia e que era normal que as fillas se deitasen co pai. Ao terminar, díxolles ás súas fillas que non dixesen nada porque ninguén lles ía a crer.
A partir dese momento, e durante un período non concretado pero cunha frecuencia, xeralmente, de dúas veces por mes, e ata que casou no mes de setembro de 2003, obrigou á súa filla maior a manter relacións sexuais con el. Nalgunha ocasión tamén a obrigou a ver películas pornográficas con el, téndolle que masturbar.
Durante todo ese período, o procesado, para conseguir vencer a natural oposición da vítima, a súa filla, ao mantemento das relacións sexuais que lle impoñía, ameazouna verbalmente con mandar á súa irmá de volta a África ou ás dúas. Mesmo, algunha vez, ameazouna con matalas (a ela e á súa irmá) ou con matar á súa nai biolóxica.
De igual modo, e sempre coa mesma finalidade de amedrentar á menor e de conseguir o seu propósito, dicíalle que se contaba algo, ninguén a ía a crer, que se ían a rir dela e ía saír nos xornais e todo o mundo ía coñecer; ou ben, referíndose a ela e á súa irmá, noutras ocasións, dicíalle que el as trouxo a este país e que ninguén as coñecía e que se lles pasaba algo, ninguén se ía a decatar.
Á menor das nenas someteuna a permanentes humillacións e trato vexatorio, chamándolle "puta, negra", e dicíndolle, cando se enfadaba, "que ía terminar exercendo a prostitución e que non era filla del". Así mesmo, era obxecto da ira do procesado en moitas máis ocasións que a maior , pegándolle con maior frecuencia cando non facía as cousas de casa ao seu gusto, ou deixándoa sen agasallos cando si llos facía á súa irmá.
Outras veces, deixou a ambas as irmás encerradas en casa e sen comer, como castigo cando consideraba que non fixeran o que el mandaba.
Como consecuencia de todos estes feitos, a menor das nenas padeceu secuelas psicolóxicas tales como hipocondría con depresión suicida, dificultades para concentrarse nos estudos, sentimentos de culpa, apatía reiterada psicasténica e desaxuste psicolóxico. A maoyor ten hipocondría e depresión suicida.
REXEITAMENTO A OUTRAS DÚAS REVISIÓNS
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia tamén rexeitou outras dúas solicitudes de revisión de condenas por delitos sexuais, en aplicación da nova lei.
Nun dos casos, o home que pedía a revisión da súa pena é un veciño de Tomiño que foi condenado a dous anos e seis meses por malos tratos habituais, a 14 anos por asasinato en grao de tentativa en concurso con violación de morada; e a 12 anos por un delito continuado de violación.