Luís Arosa substitúe a Carlos Iglesias e preséntase como candidato socialista á Alcaldía da Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía da Illa de Arousa, Luís Arosa, presentouse oficialmente. Substituirá ao actual alcalde, Carlos Iglesias.
A presentación celebrouse na praza do Portiño e contou coa presencia de numerosos veciños e coa asistencia da presidenta do partido e da Deputación, Carmela Silva; do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; do secretario xeral provincial, David Regades e de alcaldes e concelleiros da contorna.
O actual alcalde, Carlos Iglesias, afirmou vivir "un día moi especial" tras 8 anos de "intenso traballo", continuando o legado do alcalde Manel Vázquez, "o meu mentor" e prometeu o "máximo esforzo" ata o 28 de maio próximo para que Luís Arosa sexa o terceiro alcalde da Illa e o terceiro socialista.
Destacou a experiencia do candidato na xestión municipal e o seu amor polo seu pobo. Iglesias remarcou que a Alcaldía non é un oficio e que, persoalmente, sempre se considerou un veciño máis: "eu fun Carlos e seguirei sendo Carlos".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva falou dun "día agridoce" e David Regades referiuse ao goberno local da Illa de Arousa como "un soño que comezou con Manel Vázquez, continuou con Carlos e prolongarase con Luís Arosa" e Valentín Formoso felicitou ao candidato sinalando que "é un bo comezo presentarse levando como apelido ao teu concello".
Luis Arosa destacou na súa intervención que "a Deputación ten claro que estamos na provincia de Pontevedra, pero na Xunta deben pensar que a ponte é interautonómica, como a de Ribadeo, e que isto é Asturias, porque aquí non invisten nin un euro".
Relacionadas:
-
Os socialistas presentan na Illa unha candidatura liderada por Luís Arosa
Por Redacción |
-
Iván Puentes será presentado na Ferrería como o candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas de Ence, fichada por Pontevedra Alternativa como número 2
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |