Comezan as obras de rehabilitación integral e enerxética do IES Xunqueira I
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, comezou na xornada deste xoves as obras de rehabilitación integral e enerxética do IES A Xunqueira I cun investimento de 735.000 euros.
"Era un dos nosos anhelos e hoxe comeza a facerse realidade" dixo o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que asistiu este mediodía ao inicio dos traballos e á sinatura da acta de replanteo, que tiveron lugar poucos días despois da concesión da licenza de obra por parte do Concello de Pontevedra. Neste acto estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes do centro educativo e da empresa adxudicataria.
Luis López reafirmou o compromiso da Xunta cos centros educativos de Pontevedra e sinalou que "continuamos a avaliar as súas necesidades para seguilos mellorando aínda máis".
A actuación proxectada no IES A Xunqueira I consistirá na modernización da fachada coa instalación de illamento térmico en cámara de aire e tamén do mesmo material polo seu exterior para os forxados e de zócalos antihumidades, ao tempo que se procede á substitución dalgunhas carpintarías exteriores, vidros e caixas de persianas.
Así mesmo, procederase á mellora de elementos construtivos interiores coa subministración e montaxe de falsos teitos con paneis acústicos protexidos de la de roca e planas de policarbonato e a renovación dos revestimentos interiores con pintura plástica.
Finalmente, crearase unha nova aula no espazo dos vestiarios anexos á sala de tecnoloxía, substituirase de xeito global a iluminación interior con sistemas eficientes e de maior luminosidade e calidez, instalarase un ascensor eléctrico con capacidade para oito personas orientado a cumprir coas necesidades de accesibilidade e melloraranse por completo os aseos da planta de acceso ao edificio, coas súas correspondentes instalacións, a causa da citada construción deste elevador.