Ao cárcere tres dos cinco detidos en Ribadumia e Vilanova nunha nova operación antidroga
Por Redacción
Unha nova operación contra o tráfico de droga na comarca do Salnés provocou a detención de cinco persoas en Ribadumia e Vilanova de Arousa, tres dos cales ingresaron en prisión. A todos eles considéranselles membros dun grupo organizado dedicado á venda de substancias estupefacientes e incautáronselles importantes cantidades de heroína, cocaína e haxíx, así como útiles para a súa manipulación.
A investigación, que foi tutelada polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo cuxa titular é Pilar de Lara, comezou cando os investigadores tiveron coñecemento dun grupo de persoas asentados na comarca do Salnés que estarían abastecendo de distintos estupefacientes a persoas residentes noutros puntos da xeografía galega.
Deste xeito, durante a investigación púidose demostrar polo menos dúas transacciones de heroína e unha de haxíx a outros tantos compradores de Lugo, Vilagarcía de Arousa e Marín. Coas probas obtidas, entre os días 17 e 18 de decembro, procedeuse á detención dos cinco investigados e ao rexistro de tres domicilios, un nun chalet de Ribadumia e os outros dous en senllas chabolas do poboado de San Simón en Vilanova de Arousa.
O único dos detidos que ten antecedentes policiais é un home de 58 anos, veciño de Ribadumia. Ingresou en prisión xunto cos outros dous varóns detidos, ambos de Vilanova de Arousa, de 55 e 43 anos. Tamén se detivo dúas mulleres, unha de nacionalidade brasileira de 26 anos, muller do primeiro, e outra de 42 anos, veciña de Vilanova. As dúas foron postas en liberdade con cargos.
Nos rexistros interviñéronse 905 gramos de heroína, 7,5 gramos de cocaína, 250 gramos de haxíx e dous quilogramos de substancia de corte. Ademais, atopáronse unha pistola real 9mm parabellum, en perfecto estado de uso e co seu correspondente munición, oito básculas de precisión, unha prensa hidraúlica, 35 teléfonos móbiles e dous vehículos. Así mesmo, se incautaron 17.000 euros en efectivo e bloqueáronse tres contas bancarias con outros 47.000 euros.
A operación foi levada a cabo conxuntamente polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra, o Grupo de Estupefacientes da Comisaría de Lugo, e coa colaboración en distintas fases da investigación da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de Pontevedra, a Brigada Local de Seguridade Cidadá de Vilagarcía de Arousa e as Unidades de Prevención e Reacción (O.P.R.) de Vigo e Santiago de Compostela.