A estatua de Colón xa está restaurada, pero sen a man
Por Redacción
A empresa Tomos, especializada en conservación e restauración de bens culturais, rematou os traballos de restauración da estatua de Colón, situada nos xardíns de Vincenti. O equipo técnico decidiu non reimplantar a man de mármore e construir unha réplica en material sintético que se implantará en xaneiro.
A escultura foi sometida en primeiro lugar a un exhaustivo traballo de limpeza de liquens e outros elementos biolóxicos que colonizaran a superficie do monumento. A continuación procedeuse ao selado de fendas do mármore de Carrara coa que está feita a peza e a revisión de selados anteriores (a escultura fora sometida a traballos de conservación e limpeza no ano 2005).
A terceira fase da restauración consistiu na desalación do monumento, dado que se detectaron distintas sales pola súa ubicación nunha zona costeira e ao aire libre. A cuarta fase supuxo a consolidación da superficie da estatua, xa que tiña numerosas irregularidades e perdera nalgunhas zonas a capa exterior; para esta tarefa empregouse un novidoso produto nanoconsolidante deseñado pola Universidade de Cádiz. A actuación complementouse coa limpeza do pedestal e os graffitis. A restauración supuxo un investimento de 6.670, 73 euros.
REPOSICIÿN DA MAN
Baixo a coordinación do arqueólogo municipal, o equipo técnico formado pola directora da restauración, Rosa Benavides, e a profesora de escultura da Escola de Restauración, Cristina Montojo, valoraron as diversas opcións sobre a reinserción da man de mármore, que como é sabido non é a orixinal.
As distintas opcións ían dende non poñer man ninguna ata poñer unha reprodución da orixinal que era aberta. Esta última posibilidade desbotouse por falta de datos, e a de implantar a man de mármore aparecida, tamén, xa que o seu peso podería provocar danos no brazo (que ten fisuras). Segundo o informe técnico, "para que a unión da peza fose duradeira e evitar novos desperfectos, habería que practicar profundos taladros sobre o brazo da estatua para asi poder asegurar a man mediante grosas varillas de material estable e inerte".
Finalmente consensuouse como mellor opción a de realizar unha man en resina que reproduza a que foi entregada no concello; ademais de ter un aspecto case igual á de mármore, é moito máis lixeira de peso e polo tanto non require de varillas para a reinserción. Nesta peza están a traballar na Escola de Restauración, e a previsión é a de tela preparada e colocada a finais de xaneiro.