Un acusado de malos tratos e violación eríxese en vítima e explica que a súa ex pegáballe e el "quedaba quieto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Rubén F.S., veciño de Vilagarcía de Arousa de 32 anos, sentou este mércores no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra procesado por malos tratos habituais, lesións, ameazas, inxurias e agresión sexual á súa antiga noiva e nai dos seus fillos. Ante o tribunal, non só negou os feitos, senón que se erixiu a si mesmo en vítima, acusando á súa ex de pegarlle a el.
A suposta vítima declarou a porta pechada na sección cuarta da Audiencia Provincial para preservar a súa intimidade á hora de relatar os malos tratos que atribúe ao seu ex, co que mantivo unha relación de dous anos e tivo dous fillos ata que a parella rompeu por un episodio de malos tratos que ela denunciou.
O fiscal pide que este home sexa condenado a 17 anos e tres meses de prisión e sostén que, tras romper, a moza retirou a denuncia porque el prometeulle axudala a coidar aos seus fillos.
Máis tarde, el mudouse ao domicilio dela en Vilagarcía e realizou constantes actos de violencia física contra ela (empuxóns, golpes contra a porta, agarrala do pelo ou puñadas), ademais de ser controlador e posesivo e chegar a dicirlle frases como "Onde vas así? Ti vas follar ao dono da autoescola. A cantos follaches hoxe?" un día que saíu en pantalóns curtos.
Segundo denunciou ela e sostén o fiscal, o acusado dicíalle constantemente que lle ía a quitar aos seus fillos, chegando ela a manter relacións sexuais con el, a pesar de que non quería, por temor a que llos quitase. Ademais, relata catro episodios concretos, un no que a violou, dous nos que lle causou lesións graves polas que tivo que ir ao Hospital do Salnés e un cuarto de insultos en plena rúa.
O acusado negou, un por un, todos os feitos que lle atribúen e asegurou que "en ningún momento" a agrediu, ameazou nin obrigou a manter relacións sexuais, senón que era ela a que lle pegaba ante a pasividade del. "Eu sempre me quedaba quieto e, se me pegaba, pegábame, outra cousa non podía facer".
Ademais, xustificou que nunca denunciou á súa ex parella a pesar desas agresións porque "se eu vou denunciar á Garda Civil, van rir de min, non me van facer nin caso".
O relato do acusado só contou coa complicidade da súa actual parella, que relatou o día dos supostos insultos na rúa. A vítima sostén que ía cruzar por un paso de peóns e el, co propósito de atemorizala, acelerou a marcha, facendo ruído co motor, e pasou co seu vehículo a toda velocidade xusto ao seu lado, para máis tarde burlarse dela e chamarlle "filla de puta". O acusado e a súa actual noiva négano todo.
O relato da denunciante confírmao unha veciña que sinalou no xuízo que adoitaba escoitar as súasu discusións. Un día, durante unha discusión pola devolución dun teléfono móbil que el lle regalou a ela, a denunciante asegura que tirouna ao chan, espiuna e pegoulle varias puñadas.
A moza chamou aos seus veciños e esta que declarou na sala acudiu para axudarlle cos nenos. Cando chegou, o maior díxolle que o home lle pegara á súa nai e ela estaba no chan. Máis tarde, despois de que a súa veciña levara os nenos ao colexio, viu como a suposta vítima meteuse dentro do seu coche para tentar coller o seu móbil e el arrincou cando aínda tiña medio corpo dentro. O acusado négao.
O testemuño da vítima tamén apareceu referendado por persoal do Centro de Información á Muller (CIM) de Vilagarcía. Unha educadora familiar declarou na sala de vistas que mesmo a suposta vítima non quería denunciar "porque non quería complicar a situación" e tiveron que insistirlle en que sería a única forma de que non se repetise.
Esta traballadora tamén confirmou que a suposta vítima relatoulle unha agresión sexual que ocorreu un día en que el a levou ao supermercado e, ao chegar a casa, pediulle subir a casa a cambiarse e acabou violándoa no acceso á vivenda. O acusado tamén o nega, pero existe un parte médico e un forense confirmou que presentaba lesións na parte interna da coxa compatibles coa violación.
O psicólogo do CIM relatou que ela presentaba unha "síndrome de estrés postraumático con bastante grao" e que ela non denunciaba por medo a perder aos seus fillos e porque non tiña rede social que a apoiase.
Unha psicóloga do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) tamén detectou ese estrés postraumático e que ela tiña síntomas de reexperimentación cada vez que revivía a violación. Esta especialista establece un "nexo de causalidade" entre os seus síntomas e a agresión sexual.
Outras tres especialistas do Imelga confirmaron que o seu relato foi "congruente sempre" e que non observaron fabulación nel mentres que, en contraposición, o acusado destacaba porque "non estaba afectado pola situación" a pesar das graves acusacións que hai contra el.
O xuízo quedou este mércores visto para sentenza despois de que tanto o fiscal, Juan Carlos Aladro, como a avogada da acusación particular elevasen a definitivas as súas conclusións provisionais e a avogada defensora do acusado pedise ao tribunal que teña en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas extraordinarias.