O Sergas prepara un novo contrato para o servizo de ambulancias en Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez
A xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrella López-Pardo, confirmou o inicio dos trámites para "a resolución do contrato" adxudicado a Ambulancias Civera, a concesionaria do servizo de transporte programado de pacientes na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e dos desprazamentos que se realizan entre os dispositivos hospitalarios.
Nunha Comisión parlamentaria celebrada este xoves, López-Pardo informou que o contrato do Sergas con Ambulancias Civera leva en vigor desde o 1 de abril de 2021 e tiña como data de finalización o 31 de marzo de 2024, con posibilidade dunha prórroga de dous anos.
O importe total das tres anualidades contratadas supera os 11 millóns de euros e, Estrella López-Pardo sinalou que "cumpría, no momento da adxudicación, cos requisitos solicitados no concurso público" con "importantes subidas", especialmente en cando ao persoal, segundo destacou.
A xerente do Sergas negou que o contrato fose deficitario pois "supuxo un incremento do 54% respecto do importe anual do anterior contrato", é dicir, unha subida de 1.3 millóns de euros "para recoller todas as necesidades expostas".
"Nada nos facía pensar que se puidese dar unha situación como a ocorrida", admitiu a xerente que recalcou que ante os "incumprimentos" do contrato por parte de Ambulancias Civera "nunca se deixou de actuar" nin por parte do Sergas nin da xerencia da área Sanitaria para esixir o cumprimento.
Chegouse a impoñer sancións a esta empresa por 109.000 euros que foron descontados das facturas emitidas pola empresa e tamén se descontaron 132.427 euros nos importes correspondentes aos obxectivos anuais de calidade.
Pero dado que estas sancións "non conseguiron o efecto desexado" a Xerencia acordou en xaneiro deste ano iniciar o procedemento de resolución do contrato "por incumprimento culpable do contratista". Esta era "a última das opcións" despois de "esgotar todas as opcións posibles antes de chegar a este extremo" dado que o Sergas tivo que "seguir todos os procedementos legais establecidos".
Sí, finalmente, rescíndese o contrato do Sergas con Ambulancias Civera o procedemento inclúe a incautación da cantidade depositada de 600.000 euros "para facer fronte aos prexuízos causados aos intereses públicos".
Estrella López-Pardo tamén anunciou que está en fase de estudo a redacción dun novo contrato "onde se reflectirán as necesidades reais da área sanitaria e adecuarase ás condicións actuais", como a subida dos prezos dos combustibles ou o novo convenio colectivo, entre outras circunstancias.
Relacionadas:
-
Continúa en pé a folga de Ambulancias Civera: pararán o mércores se non teñen "garantía por escrito" de solución
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Convocan unha nova folga en Ambulancias Civera: "os compañeiros de coordinación conviven con ratas"
Por Anxo Lourido |
-
Volven as protestas laborais para reclamar a Ambulancias Civera que cumpra os acordos co Sergas
Por María José Pita & Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Quince especialistas reforzarán a atención médica do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Suspenden a folga en Ambulancias Civera
Por Anxo Lourido |
-
Convocada a folga indefinida en Ambulancias Civera a partir do martes 17 de xaneiro
Por Redacción |
-
Reclaman no Parlamento de Galicia a rescisión do contrato de Sanidade con Ambulancias Civera
Por Redacción |