A investigación do coche calcinado en Estribela, pendente do interrogatorio ao home queimado
Por Natalia Puga
A Policía Xudicial da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra continúa investigando o incidente ocorrido á primeira hora da mañá do xoves no barrio de Estribela, cun incendio nun vehículo no que resultou queimado o seu propietario.
A vítima relatou, nada máis saír do coche en chamas completamente espido, que lle quitaran a roupa para logo darlle unha malleira e encerralo no maleteiro do coche e prender lume ao vehículo. Esa declaración repetiuna no primeiro encontro cos axentes da Policía Nacional de Marín que acudiron ao lugar do suceso, pero a partir de aí non puido ser interrogado.
O avance da investigación está nestes momentos pendente dese interrogatorio, que realizarán os axentes do Grupo de Delitos Contra as Persoas da Policía Xudicial. Cabe a posibilidade de que ese interrogatorio sexa este venres durante a tarde, pero aínda non existe confirmación oficial.
O home, veciño de Marín con 29 anos e pai de dous fillos, está aínda ingresado no Hospital Clínico Universitario da Coruña, onde foi trasladado desde o Hospital Montecelo con queimaduras en distintas partes do corpo, fundamentalmente, un brazo e unha perna, senón tamén na cara.
Os axentes poderían desprazarse ao hospital ou esperar a que reciba a alta médica.
Ese interrogatorio será crucial para aclarar o ocorrido na noite do mércores ao xoves, pois o home declarou nun primeiro momento que coñecía aos agresores, pero logo non o confirmou. Chegou a asegurar a unha veciña fora violado e a un veciño que o atacaran por "un asunto de mulleres".
Aínda que nun primeiro momento as sospeitas centráronse nun grupo de individuos de orixe estranxeira, xa durante a mañá do xoves os investigadores ampliaron o abanico de posibles hipóteses e sospeitosos. Nestes momentos, non existe ningunha persoa identificada nin investigada como sospeitosa dos feitos.
Nestes momentos, todas as hipóteses seguen abertas. Fuentes coñecedoras do caso relataron a PontevedraViva que o mozo que resultou queimado podo resultar implicado nun incidente relacionado coa súa adicción ás drogas ou tamén por algún tipo de cuestión relacionada coa súa relación cunha muller. En todo caso, todo está no aire á espera do interrogatorio.
A familia do afectado recoñeceu a PontevedraViva que nos últimos meses tiña problemas e malas compañías, tanto de Marín como de orixe estranxeira, pero tampouco eles teñen sospeitosos do ocorrido e prefiren deixar traballar aos investigadores.
As indagacións tamén están pendentes do resultado das análises das probas recollidas pola Policía Científica no vehículo, un Dacia Sandero que quedou totalmente calcinado no final do canellón sen saída de Santa Ana, en Estribela.
Relacionadas:
-
Dous meses do incendio cun home queimado en Estribela, cun investigado e o ferido aínda recuperándose
Por Natalia Puga |
-
O mozo queimado no incendio do seu coche en Estribela recibe a alta médica e volverá declarar
Por Natalia Puga |
-
A xuízo unha banda de "narcofroiteiros"
Por Oskar Viéitez |
-
"Estaba aturdido e asustado. Dixo que lle quitaron a roupa, déronlle unha malleira, metérono no coche e prendéronlle lume"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Denuncia que o encerraron no maleteiro dun coche e plantáronlle lume en Estribela
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada