O mozo queimado no incendio do seu coche en Estribela recibe a alta médica e volverá declarar
Por Natalia Puga
O home que o pasado 2 de febreiro sufriu importantes queimaduras tras sufrir un incendio no seu propio vehículo en Estribela recibiu este xoves a alta médica tras 14 días hospitalizado.
O home foi derivado primeiro ao Hospital Montecelo e logo á Unidade de Queimados do Hospital Clínico Universitario da Coruña. Agora, xa pode recuperarse na súa casa de Marín.
Durante a súa estancia no hospital, axentes da Policía Xudicial da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra desprazáronse ata A Coruña para tomarlle declaración e avanzar na investigación do ocorrido. Unha vez que recibiu o alta médica, volverán interrogalo por se puidese achegar máis información que axude a esclarecer este estraño suceso.
O home relatou, nada máis saír do coche que ardía completamente espido, que lle quitaron a roupa para logo darlle unha malleira e encerralo no maleteiro do coche e prender lume ao vehículo. Esa declaración repetiuna no primeiro encontro cos axentes da Policía Nacional de Marín que acudiron ao lugar do suceso, aínda que logo incorreu nalgunha contradición.
Agora que poderán tomarlle declaración de novo, a investigación poderá seguir avanzando.
O ferido é un veciño de Marín con 29 anos e pai de dous fillos e no incendio sufriu queimaduras en distintas partes do corpo, fundamentalmente, un brazo e unha perna, senón tamén na cara.
Nun primeiro momento, dixo que coñecía aos agresores, pero logo non o confirmou. Chegou a asegurar a unha veciña que fora violado e a un veciño que o atacaban por "un asunto de mulleres".
Nestes momentos, non existe ningunha persoa identificada nin investigada como sospeitosa dos feitos. Todas as hipóteses seguen abertas.
A familia do afectado recoñeceu a PontevedraViva que nos últimos meses tiña problemas e malas compañías, tanto de Marín como de orixe estranxeira, pero tampouco eles teñen sospeitosos do ocorrido e prefiren deixar traballar aos investigadores.
As indagacións tamén están pendentes do resultado das análises das probas recollidas pola Policía Científica no vehículo, un Dacia Sandero que quedou totalmente calcinado no final do canellón sen saída de Santa Ana, en Estribela.
Relacionadas:
-
Da agresión a un xornalista a un crime nunha casa okupa e un macrolaboratorio de droga
Por Natalia Puga |
-
Dous meses do incendio cun home queimado en Estribela, cun investigado e o ferido aínda recuperándose
Por Natalia Puga |
-
A investigación do coche calcinado en Estribela, pendente do interrogatorio ao home queimado
Por Natalia Puga |
-
"Estaba aturdido e asustado. Dixo que lle quitaron a roupa, déronlle unha malleira, metérono no coche e prendéronlle lume"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Denuncia que o encerraron no maleteiro dun coche e plantáronlle lume en Estribela
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada