Asinan o convenio para a construción dun novo centro de saúde de Barro
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este venres o convenio para a construción dun novo centro de saúde nese concello.
Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, polo xerente da área sanitaria, José Flores Arias, e polo concelleiro de obras de Barro, Iván Bello Ferreiro.
Abraldes afirmou sentirse moi satisfeito "pola velocidade á que se xestou toda a tramitación" que permitiu que Barro adiantara a moitos outros concellos pendentes deste tipo de infraestruturas. "Fomos capaces de conseguir da Xunta o seu compromiso para construír un novo centro de saúde en tempo récord, porque sabemos que hai concellos que levan máis de 20 anos cos trámites", dixo o alcalde.
García Comesaña agredeceu ao Concello de Barro pola súa "predisposición e a súa colaboración" coa Xunta neste plan de insfraestruturas de Atención Primaria. "Pedímoslle ao alcalde un compromiso e o tivemos dende o primerio minuto", engadiu o conselleiro.
No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, que contará con aproximadamente 600 metros cadrados, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro de saúde dita consideración.
O actual centro de saúde, cunha antigüidade de 40 anos, carece de accesos axeitados, as súas instalacións son moi anticuadas e unha evidente limitación de espazos.
O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona, o que supón, con respecto ao centro actual, incrementar nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal, así como habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona.
Este plan resultaría nun edificio duns 800 metros cadrados, máis que duplicando a superficie de 320 metros cadrados do actual centro de saúde.
MEIS
A Consellería de Sanidade tamén comezou os trámites coa Axencia Galega de Infraestruturas para poder licitar o futuro centro de saúde de Meis. O servizo de Patrimonio do Sergas xa contactou co Concello para solicitar a documentación necesaria para completar o proceso de cesión dá parcela á Xunta.
A polémica xurdiu porque o anuncio fíxoo o PP de Meis, tras unha recente entrevista da súa candidata, Marta Lucio, co conselleiro algo que foi calificado coma unha "deslealdade institucional" pola alcaldesa, a socialista Marta Giráldez, mentras que García Comesaña dixo non entender "que á alcaldesa lle pareza mal que un veciño e ademáis candidato pregunte polo estado, ela non preguntou, a candidata si que preguntou e por suposto non temos nada que ocultar".
Relacionadas:
-
A antiga central de Telefónica en Santo Antoniño xa é de propiedade municipal
Por Redacción |
-
Último paso administrativo para a cesión á Consellería da parcela do novo centro de saúde de Barro
Por Redacción |
-
O conselleiro de Sanidade destaca no Virxe Peregrina a importancia da fisioterapia para moitas doenzas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comesaña acusa a BNG, PSOE e SOS Sanidade Pública de "estar empeñados en trasladar medo á poboación"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Pleno de Barro dá luz verde ao convenio entre o Concello e a Xunta para a construción do novo centro de saúde
Por Redacción |
-
A Xunta traslada ao alcalde de Barro o convenio para as obras de construcción do novo centro de saúde
Por Oskar Viéitez |