"A ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio"
Por Oskar Viéitez
O Teatro Principal de Pontevedra encheuse este venres na apertura do ciclo A Foto 51, unas xornadas de divulgación científica con perspectiva de xénero, promovidas polo Concello de Pontevedra co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e nas que colabora gciencia.com.
A doutora en Ciencias Matemáticas e Premio María Josefa Wonenburguer 2022, Elena Vázquez Cendón, foi a encargada de inaugurar as xornadas cunha conferencia-coloquio dirixida a estudantes de Secundaria, que levaba por título "O saber e o sabor das Matemáticas de proximidade".
Docente da área de Matemática Aplicada, investigadora centrada na Matemática Industrial e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, foi merecedora do Premio María Josefa Wonenburguer- 2022 pola súa traxectoria investigadora e contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. E tamén polo seu compromiso coa divulgación e o combate contra o nesgo de xénero nas disciplinas STEM, está á fronte do proxecto Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia).
Nas súas propias palabras "a ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio".
Na súa intervención compartiu co alumnado reflexións, falou dos seus referentes e espellos nos que se mirou e mira, así como da súa experiencia investigadora que comezou resolvendo as correntes na ría de Pontevedra.
Para este sábado, 11 de febreiro, o Teatro Principal acollerá un encontro de divulgadoras científicas, nun día no que tamén se estreará a segunda edición do roteiro urbano "A pegada de mulleres científicas en Pontevedra", que vai dirixido ao público xeral (recomendable maior de 12 anos) e terá catro quendas: 11 e 12 de febreiro e os días 25 e 26 de febreiro. A saída será, en todos os casos, ás 11 horas dos Xardíns de Colón. Para participar é preciso anotarse en apuntate.pontevedra.gal, a inscrición é de balde.