Impacta contra un baixo na Praza do Pazo de Sanxenxo, abre unha fenda e dáse á fuga
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Sanxenxo investigan un accidente ocorrido durante a madrugada do sábado ao domingo na Praza do Pazo.
O vehículo accedía, por motivos descoñecidos, a este espazo e terminaba impactando contra un dos baixos comerciais da zona causando unha importante fenda na parede, segundo relata o Concello de Sanxenxo.
O condutor do turismo abandonaba o lugar e dábase á fuga. Ningún veciño avisou á Policía a pesar da aparatosidade do accidente.
Unha patrulla de garda, que se atopaba realizando un control rutineiro, atopouse co vehículo. Os axentes levantaban o atestado e mandaba retirar o vehículo do lugar para trasladalo a dependencias policiais.
O propietario do automóbil xa está identificado e deberá presentar declaración en dependencias policiais cando sexa reclamado.