A Brilat encara 2023 co reto de preparar a 1.500 militares na nova iniciativa NRI da OTAN
Por Natalia Puga
Superado o complexo ano 2022 no que coincidiron dúas misións no exterior en Iraq e Malí, a Brigada Galicia VII Brilat está metida de cheo en cumprir os retos do ano 2023 e entre eles destaca a iniciativa de preparación NRI da OTAN, definida no Cume de Bruxelas de xuño de 2018, e que parte do convencemento de que a OTAN necesitaba prepararse mellor para conflitos de alta intensidade.
Esta iniciativa NRI esixe aos Estados membros da OTAN manter colectivamente 30 batallóns mecanizados, 30 buques navais e 30 escuadróns aéreos listos para ser empregados pola OTAN e á Brilat esixiralle este ano a preparación de ao redor de 1.500 militares.
Desde a Brilat destacan que durante este ano a Brigada formará parte da estrutura de forzas militares asignadas a Nato Readiness Initiative (NRI) e isto suponlles a xeración e preparación dunha serie de unidades cun tempo de despregamento que oscila entre os 20 e os 60 días.
"Non podemos nin debemos esquecer que a cohesión dunha alianza é o seu centro de gravidade", sinalan desde a Brilat, de aí que demostrar o seu compromiso coa OTAN e a Unión Europea "vai seguir sendo crucial durante este ano".
Sinalan tamén que durante o ano 2022, o conflito de Ucraína, nunha contorna predominantemente terrestre e con frecuencia urbano, puxo de relevo a incerteza que rodea intrinsecamente ao emprego da forza e a importancia de estar preparado a todo tipo de escenarios e situacións. Por iso é necesario dotar á Brigada de "mecanismos áxiles que lle permitan evolucionar coa rapidez e flexibilidade necesaria" ás novas situacións e poder cumprir coas misións que ten ou poida ter encomendadas.
Para este 2023 márcanse cinco obxectivos fundamentais. Ademais do citado de integrar o NIR da OTAN, tamén seguirán cumprindo a súa principal misión que é a preparación, completando este obxectivo coa execución dun exercicio no centro de adestramento de San Gregorio, en Zaragoza, durante o segundo semestre, no que participarán todas as unidades da Brigada.
O terceiro reto será continuar cos traballos encamiñados á modernización das unidades do Exército de Terra.
O cuarto reto serán os traballos asociados á chegada á Brigada dos novos vehículos de combate de rodas (VCR) 8x8 modelo DRAGÓN, cos cambios que iso supón en aspectos de organización, preparación e adestramento, instalacións e infraestruturas, novas tácticas, técnicas e procedementos para o combate, formación e liderado.
Os homes e mulleres que forman parte da Brilat son a súa prioridade, por iso o seu quinto reto será lograr o equilibrio adecuado entre o logro dos obxectivos sinalados e a súa protección. Así, continuarán levando a cabo unha eficiente xestión de persoal, favorecendo a igualdade de oportunidades, a promoción interna, o desenvolvemento profesional que facilite a reinserción laboral, o apoio ao persoal, a mellora da calidade de vida nas bases e acuartelamentos e a posta en práctica de medidas que faciliten a conciliación entre a vida familiar e o desempeño profesional por exemplo a construción dun centro de educación infantil na Base General Morillo de Figueirido.
Relacionadas:
-
A Brilat, preparación co calendario de misións aberto polo escenario internacional "cambiante" e "complexo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat incorpórase á Misión de Asistencia Militar da Unión Europea en Apoio a Ucraína
Por Oskar Viéitez |
-
Xeneral Pardo de Santayana: "A incerteza pode ser o onde e o cando podemos despregar, pero o resto témolo claro, preparación"
Por Natalia Puga |
-
O xeneral Alfonso Pardo de Santayana, regreso á casa cos máximos galóns e o reto de que a Brilat "siga sendo magnífica"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat conmemora os seus 40 anos de participación activa na OTAN, "preparada" e co foco na reunión de xuño en Madrid
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Centos de persoas acompañan á Brilat no 150 aniversario do seu rexemento máis antigo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Brilat, "en plena tensión sempre", ten agora o foco en Malí e un posible despregamento da OTAN pola invasión rusa
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |