Así será o futuro centro de saúde de Vilagarcía, que custará case 14 millóns
Por Redacción
Un edificio en forma de dobre U que xerará dúas prazas abertas cara á cidade. Ese é o deseño elixido para dar forma ao futuro centro de saúde de Vilagarcía, que se construirá nos terreos que ocupaba a antiga comandancia naval.
Este novo centro de saúde supoñerá un investimento de case 14 millóns de euros, segundo explicou este xoves o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que presentou o proxecto ao goberno municipal de Vilagarcía.
As prazas que xerará o edificio coa súa nova fisonomía, segundo Menéndez, estarán convenientemente orientadas e resgardadas, servindo de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e ao PAC, respectivamente.
A distribución e estrutura vertical interior será "moi versátil" e terá unha disposición lineal para conseguir un maior aproveitamento do volume, unha iluminación natural controlada e unha ventilación adecuada na totalidade dos espazos.
Ademais, para crear celosías de control solar en fachadas proponse o uso de madeira recuperada de bateas, que é moi duradeira e promove a economía circular e local.
O novo centro de saúde, cuxo proxecto de execución estará redactado na primavera, terá unha superficie construída de preto de 5.700 metros cadrados, o que ampliará nun 55% a superficie do actual, permitindo unha importante ampliación de espazos.
O plan funcional prevé tres consultas de medicina xeral ata chegar ás dezasete, catro máis de enfermería, ata as dezasete tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a cinco de cada.
As instalacións contarán tamén con dúas consultas en lugar dunha das áreas de farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, higienista dental ou fisioterapia.
Ademais, o centro terá cinco consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermería para que poidan acudir especialistas do hospital.
Relacionadas:
-
Prevén que o novo centro de saúde de Vilagarcía estea operativo en 2026
Por Redacción |
-
A Xunta solicita a licenza de obra para o novo centro de saúde de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía aforra 100.000 euros na demolición do edificio da antiga Comandancia
Por Redacción |
-
Dúas naves serán derrubadas para reconstruír a fachada marítima de Vilagarcía
Por Redacción |