"Atopa a Ravachol", o xogo que propón Ciudadanos á veciñanza para divertirse e gañar premios polo entroido
Por Redacción
Ciudadanos Pontevedra ten programadas unha serie de accións ao longo dos próximos meses ata as eleccións municipais. A primeira proposta prevista do equipo laranxa, co candidato á alcaldía David Díaz á cabeza, será divertirse xunto a veciños e visitantes polo entroido con xogos colectivos que terán ao icónico loro Ravachol como “artista invitado”.
Desde o pistoletazo de saída dos entroidos pontevedreses, CS Pontevedra preparou diferentes xogos pensados para todos os públicos.
O xogo central terá como taboleiro a urbe da Boa Vila, onde se esconderon dez “paxaros exóticos” que darán premio ás persoas que teñan a destreza de atopalos directamente ou seguindo e interpretando o rastro das pistas que CS puidese ir dando desde as súas redes sociais.
Os premios consisten en cheques de ata 50 euros que os agraciados poderán investir nunha gama moi ampla de produtos e servizos de empresas locais adheridos ás bases.
O xogo dará comezo o día 20 e durará ata o 25 de febreiro (ambos inclusive) ou ata que se atopen todos os “ravacholes”.
Para os máis pequenos, propuxeron aos vinte e cinco colexios e escolas de educación infantil visitalos para preparar a “procura do Ravachol” en cada centro para divertimento do alumnado. Unha actividade que consistirá en que os pequenos busquen os bonecos. Quen atope o Ravachol será gañador dun premio para toda a clase, que incluirá material escolar e xogos grupais.
Finalmente, para a terceira idade, Ciudadanos convidou á residencia de maiores de Campolongo a realizar cos seus usuarios un Bingo-Ravachol, co que promover a atención, o recordo e a sociabilización de todos os participantes. Para levala a cabo durante o entroido, onde o premio será un peluche dun loro “Ravachol” de cor laranxa e repartiranse uns obsequios útiles como bufandas e mantitas.
Relacionadas:
-
Os premios do 'Ravachol Ciudadano' estrean a nova sede de Cs en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Entroido chega ao IES Sánchez Cantón coas actuacións de todo o alumnado
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Dispositivo especial de seguridade e recomendacións para o Entroido
Por Redacción |
-
Cs anuncia unha "consulta cidadá ad hoc" para saber o "sentir real" de Pontevedra sobre ENCE tras as municipais
Por Redacción |