Investimento de máis de 600.000 euros para instalar luminarias LED de baixo consumo en Moraña
Por Redacción
O alcalde de Moraña, José Cela, anunciou este venres que o Concello resultou beneficiario dunha subvención de máis de 600.000 euros para renovar parte do alumeado público e instalar luminarias LED de baixo consumo.
Segundo explicou o rexedor, conseguir esta axuda dos fondos europeos Next Generation "é un gran logro para o noso Concello, que investirá nunha "mellora de aforro enerxético e medio ambiente, dúas cuestións esenciais" para eles.
Dos 2.327 puntos de luz existentes, actuará en 1.423 luminarias para instalar tecnoloxía LED. Tamén nos 43 dos 61 cadros de mando existentes, que serán reformados para adaptalos á normativa vixente, e instalarán un sistema de telexestión que permita obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos lumínicos.
"Con esta renovación", afirmou Cela, "conseguiremos un aforro enerxético do 54%, o que permitirá ao Concello ter máis capacidade económica e contribuiremos a un planeta máis limpo e sostible".
O total do proxecto ten un orzamento de cerca de 710.000 euros.