Poio suma o seu segundo sendeiro azul, a Variante Espiritual do Camiño Portugués
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, anunciou esta semana de que o concello contará por primeira vez neste 2023 con dous sendeiros azuis e participará o vindeiro 24 de febreiro no acto de entrega das bandeiras en Santiago de Compostela.
Ao distintivo acadado en 2022 para o paseo litoral entre A Seca e Lourido súmase nesta ocasión o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, cuxa primeira etapa pasa polo municipio poiense, ata chegar ao Mosteiro da Armenteira (Meis).
Este selo de calidade é outorgado cada ano pola Asociaicón de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), a través do cal recoñécense os recursos naturais, ambientais e de lecer que presentan este tipo de espazos ao aire libre.
Sobral amosou a súa satisfacción polo incremento de número de sendeiros azuis experimentado no municipio que "sen dúbida supoñen un plus importante para dous espazos moi emblemáticos de Poio, que non só son un punto de encontro habitual para a nosa veciñanza, senón que tamén son un reclamo moi importante á hora de atraer visitantes á nosa vila".
O rexedor lembrou que a primeira etapa da variante parte desde o lugar de Fragamoreira, no límite co concello de Pontevedra, e chega ata o Mosteiro da Armenteira.
Durante preto de 20 quilómetros os camiñantes poden gozar dalgunhas das paraxes máis emblemáticas da ría de Pontevedra, como son a contorna do Mosteiro de San Xoán, o Parque da Memoria da Seca (deseñado polo gañador do Nobel da Paz e Fillo Adoptivo de Poio, Adolfo Pérez Esquivel) ou o casco histórico de Combarro.
Desde alí, a senda continúa, subindo por Xuviño, ata o límite con Meis, pasando pola Ruta dos Miradoiros, na que existen varios emprazamentos desde os cales se poden gozar dalgunhas das vistas máis espectaculares da ría de Pontevedra.
Segundo destacaron desde o Concello de Poio, a Variante Espiritual atrae cada ano a un gran número de peregrinos e peregrinas, chegados de diferentes puntos da xeografía española e tamén doutros países. Luciano Sobral entende que a distinción como sendeiro azul pode supoñer tamén "unha maior visibilidade para esta senda, que ten un enorme potencial, para a cidadanía en xeral".
Insitíu ademais no paseo que vai desde o Parque da Memoria, na Seca, ata Lourido, que ten máis de 5.000 metros e axuda a vertebrar o tránsito peonil entre estes dous puntos, permitindo gozar de espazos emblemáticos como a contorna do peirao de Campelo, a área recreativa da Reiboa ou a senda da Ostreira.
O alcalde Luciano Sobral avanzou que estas bandeiras serán izadas ao comezo da tempada estival.
Relacionadas:
-
A Ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño, candidatos ao distintivo de sendeiro azul
Por Redacción |
-
Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’
Por Redacción |
-
Poio e A Illa reciben as súas bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Izadas as bandeiras dos sendeiros azuis de Poio
Por Redacción |
-
As Rías Baixas revalidan os seus sendeiros azuis con Sanxenxo como líder estatal
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de España
Por Redacción |
-
A senda costeira entre A Seca e Lourido será 'sendeiro azul'
Por Redacción |