Acordo unánime no Parlamento para que as fontes termais de Cuntis sexan declaradas BIC
Por Redacción
Doce votos favorables de PP, BNG e PSdG-PSOE na comisión segunda de Ordenación Territorial, celebrada no Parlamento de Galicia, apoiaron a proposta da agrupación nacionalista, defendida polo deputado por Pontevedra, Luís Bará, para que se incoe o expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das burgas de Cuntis.
Bará fixo referencia na súa intervención en que nunha sesión plenaria de 2014 alcanzouse un acordo para demandar esta declaración á Xunta de Galicia, que se tramitou en 2015 sen que se tivese, ata o momento, coñecemento dese expediente.
A proposta, segundo os nacionalistas, impediría obras que cambien o estado e fluxo das augas das burgas.
Pola contra, o resto de puntos que recollera a proposta do BNG relativos á defensa da propiedade e uso público das fontes termais de Cuntis obtiveron o rexeitamento do PP, partido maioritario en sede parlamentaria.
Na proposta, Bará explicou que o Concello de Cuntis conta con 19 mananciais que xeran 2,5 millóns de litros de augas termais a unha temperatura media de 60 graos e lamentou que unha empresa privada sexa quen canalice a maioría destes recursos.
Citou á Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis que denuncia, desde hai anos, a situación ao entender que nin a administración local nin a autonómica defenden os bens e dereitos públicos destes mananciais e burgas do municipio.
O BNG denuncia a colocación dunha cadea e un tapón nos últimos anos na burga da Rúa Real, mentres que a burga de Lume de Deus tamén sofre fluctuaciones no seu caudal e o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra elaborou un informe en que se inclúe a proposta de substitución do actual caño por unha billa con peche para evitar a introdución de paus ou outros obxectos que poidan dificultar a saída de auga.
Esta actuación, segundo Luís Bará, supoñería a interrupción unilateral do sistema actual de acceso por parte da veciñanza á auga que lle corresponde e sen contrapartida incrementando o lucro da empresa privada que xestiona a burga.
Os nacionalistas reclamaron a defensa da propiedade e uso público das fontes termais de Cuntis, realizando un informe histórico e arqueolóxico sobre as fontes e outros bens do patrimonio termal de Cuntis para garantir a súa protección e conservación, respectando os valores históricos e patrimoniais en todas as intervencións que se realicen nas fontes termais da Rúa Real e Lume de Deus.
Pola súa banda, José Antonio Armada, portavoz do PP, defendeu todas as obras realizadas nestes espazos alegando a supervisión por parte de arqueólogos nas actuacións desenvolvidas durante os últimos anos nestas burgas situadas no centro histórico de Cuntis e lembrou a Bará que estes espazos son de titularidade privada.
Relacionadas:
-
O burro descubridor das augas termais da Toxa xa ten o seu monumento
Por Redacción |
-
Petición do BNG no Parlamento Galego para protexer as burgas da Rúa Real e Lume de Deus en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis recupera o uso público da burga Lume de Deus
Por Redacción |
-
A burga "Lume de Deus" de Cuntis recupera o seu carácter público
Por Redacción |
-
Cuntis solicita a catalogación en Patrimonio das burgas da rúa Real e Lume de Deus
Por Redacción |