O burro descubridor das augas termais da Toxa xa ten o seu monumento
Por Redacción
"El Colón de este nuevo mundo de salud fue un borrico". Con estas palabras, Emilia Pardo Bazán fixo grande no seu día á lenda que atribúe a un burro o descubrimento das augas termais que impulsaron o tirón turístico da Illa da Toxa.
Este luns, un século despois, esta lenda quedou xa inmortalizada coa inauguración da escultura de bronce elaborada polo artista Lucas Míguez que representa ao equino.
O monumento é froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove.
A escultura, instalada preto da capela das cunchas, representa ao burro a tamaño natural e revolvéndose no barro, ao igual que a lenda conta que foi a súa forma de curarse tras ser desahuciado polo seu dono, feito que chamou a atención da veciñanza sobre as propiedades curativas das augas termais e serviu despois como acicate turístico.
Xunto á figura, sitúanse dúas placas, unha que rememora a cita de Emilia Pardo Bazán publicada en 1899 na revista La Ilustración Artística, que fai referencia á historia, e outra coa cita do autor Wenceslao Fernández Flórez, datada na Toxa en 1920, na que anima a plasmar a idea da escritora para dedicar unha estatua ao animal, hoxe cumprida.