A reforma do parque da Praza de Europa avanza con nova iluminación e a plantación de árbores
Por Redacción
O proxecto de transformación integral do parque da Praza de Europa segue o seu curso tras o pintado da nova pista multideporte e a plantación de arborado, que permitirá mellorar as condicións de sombra e a composición ornamental no contorno do seu parque infantil.
As obras continuarán coa renovación paisaxística do contorno da zona de xogos infantís e coa mellora da iluminación, instalando dous focos para a pista deportiva e outros dous proxectores para a área dos terreos de petanca, o que permitirá o seu uso nas últimas horas da tarde e pola noite. Ademais, realizarán unha supervisión das luminarias no conxunto do parque, o ampliarán con máis xogos e substituirán o chan de herba sintética.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, explicou que nestes días procederán á primeira plantación de arborado, con especies que permitirán mellorar as condicións de sombra no contorno do parque infantil.
Tamén sinalou que están a instalar un sistema de rega de xeito manual previo aos traballos de acondicionamento paisaxístico coa incorporación de planta arbustiva e vivaz e á eliminación e reposición das árbores en mal estado ou perigosas. "O broche a esta intervención porémolo coa mellora do pavimento de xabre e a dotación de novo mobiliario (bancos e papeleiras) e de puntos de recarga para teléfonos móbiles", engadiu.
Con este proxecto tamén contemplan mellorar o valor paisaxístico do espazo cunha acaída composición a nivel de xardinería; a creación dun espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; a optimización a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e o incremento da capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación.
A pista polideportiva instalada está pensada para xogos de pelota en xeral e conta con peche perimetral, entradas polos dous laterais, estruturas cubertas de capa anti graffiti, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos.
As obras de remodelación deste eixo central do barrio de Monte Porreiro, executadas pola empresa Garocaprim SL, custarán 44.467,18 euros.
Relacionadas:
-
Iván Puentes presenta a súa candidatura á alcaldía como a "única alternativa real, fiable e con experiencia de goberno"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Remata a instalación da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa
Por Redacción |
-
A estrea do parque canino de Monte Porreiro, á espera de que brote o céspede
Por Redacción |
-
Os parques infantís da Praza de Europa e do Mirador locen "como novos" para este verán
Por Redacción |