O benestar laboral, factor determinante para captar e reter talento nas empresas
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou a aposta que está a facer a Xunta de Galicia por impulsar no tecido empresarial galego o benestar laboral xa que é "determinante" para captar e reter talento, segundo subliñou.
Lorenzana fixo estas declaracións nunha visita que fixo este luns a Krack Zapaterías, unha empresa de Pontevedra que participa no programa autonómico Responsabilízate para asesorar de xeito gratuíto a aquelas empresas que se están iniciando na promoción da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e que apostan polos fundamentos ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo).
Habilitar espazos de traballo seguros e saudables, potenciar o teletraballo e a promoción interna do persoal, son algúns dos exemplos que puxo a conselleira de como fomentar o benestar laboral nunha empresa.
Ademáis, Lorenzana remarcou a importancia da formación en materia de igualdade recordando, ao respecto, que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en impartir formación en liña en igualdade laboral coa creación, no ano 2021, dun campus virtual.
Nesta visita a conselleira lembrou que a Xunta ofrece ás empresas axudas para fomentar a igualdade laboral, a conciliación e a RSE, que poden solicitarse aínda, ata o próximo 10 de marzo. Este programa de apoios conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros coa estimación de poder beneficiar a unhas 250 empresas galegas este ano.
Por último, a conselleira animou ás persoas que buscan un traballo a que "acudan ás oficinas de emprego, onde contan con formación axeitada aos sectores con vacantes", en referencia as "oportunidades laborais" que ofrece na actualidade o mercado de laboral, segundo afirmou Lorenzana.