"Da túa man rural" destina medio millón de fondos europeos a transformar o comercio e a hostalería en 11 concellos
Por Oskar Viéitez
Apoiar a actividade comercial e á hostalería local en zonas rurais da provincia de Pontevedra é o obxectivo do programa "Da túa man rural", que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este luns aos 11 concellos no que se vai desenvolver o proxecto: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures.
E o fará grazas a unha achega de 499.972 euros dos fondos Next Generation a través do Plan de Recuperación, que cubre o 80% do orzamento total de 624.965 euros, mentres que o 20% restante (124.933 euros) corre a cargo da Deputación.
Como explicou a presidenta provincial Carmela Silva "desta maneira os concellos participantes non teñen que facer ninguna aportación económica, tan só teñen que traballar conxuntamente con nós para poder desenvolver as accións contempladas".
A presidenta subliñou a importancia deste proxecto porque "apoiar o comercio e a hostalería local, que siga existindo, é algo fundamental para que os concellos sigan vivos".
En total, "Da túa man rural" impactará nos máis de 700 locais de comercio polo miúdo e de hostalería que existen nestes 11 concellos.
A finalidade de "Da túa man rural" é a de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, fomentando o comercio de proximidade e traballando para poder adaptalo ás novas demandas e hábitos de consumo, en concellos de menos de 5.000 habitantes caracterizados por unha importante dispersión xeográfica, poboación envellecida e perda de poboación, falta de substitución xeracional, altas taxas de paro feminino, dificultade para a adaptación ás novas tecnoloxías e de medidas de economía circular, pero tamén con recursos turísticos estratéxicos, como o Camiño de Santiago ou patrimonio BIC.
"Conseguirémolo a través da dixitalización, a economía circular ou o desenvolvemento de plataformas", explicou a presidenta quen detallou que "a partir do 1 de marzo comezaremos a contactar cos concellos participantes para decidir onde desenvolver as accións en cada territorio e avanzar no seu deseño".
Ao abeiro de "Da túa man rural", ao longo dos próximos dous anos, deseñaranse e lanzaranse tres campañas de comunicación en medios dixitais para animar á xente a que merque no comercio local.
Por outra banda, dotarase de prazas de aparcamento reservadas e deseñadas para persoas con mobilidade reducida, sinaladas de forma visible e coas dimensións regulamentarias, ademais de delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras, creando un espazo que sexa atractivo. Todo isto farase con materiais respectuosos co medio ambiente e adoptando as medidas necesarias para asegurar a accesibilidade universal.
A transformación do punto de venda contemplarase coa instalación de sinalética corporativa luminosa con carga solar que contará coa información sobre a localización da zona comercial e dos comercios, dirixida a visitantes, turistas e residentes e que se asociará con códigos QR.
En materia de sostibilidade promoveranse novos deseños de embalaxe para o comercio e a comunidade escolar, como alternativa sostible e reutilizable ao de plástico ou papel, empregando materiais compostables ou reciclados da actividade comercial e hidrosolubles. Ademais, instalaranse illas ecolóxicas que estarán dotadas de contedores específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos, mais tamén con dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, como pilas, lámpadas ou residuos electrónicos.
Para crear vínculos comerciais e estreitar e fortalecer as relacións, porase en marcha unha rede de comercio local que integrará aos axentes do mesmo cos produtores locais e provedores de servizos. Desenvolverán unha plataforma tecnolóxica que contará cunha parte pública e outra privada, a modo de intranet, para poñer en valor o comercio local desde o público e o privado.
Por último, actívanse dúas liñas en materia de sensibilización e formación, unha que contará con talleres dirixidos aos comerciantes sobre xestión de negocio con novas tecnoloxías, maketing dixital e venda online, e a outra, pensada tanto para comerciantes como para persoas consumidoras, para fomentar os principios da sustentabilidade, aprender a prever a xeración de residuos, a reutilización de produtos ou a correcta separación dos residuos para a reciclaxe.
Relacionadas:
-
Manuel Campo Vidal, "el mundo rural se encuentra en un punto de inflexión en su desarrollo"
Por Redacción |
-
Sanxenxo, O Grove, Cambados e Caldas de Reis estrean novos bancos e tótems informativos
Por Redacción |
-
Instalan zonas de descanso para darlle vida ao comercio local
Por Redacción |
-
Tramitada a contratación de dúas iniciativas provinciais para vencellar turismo e comercio local
Por Redacción |
-
A Deputación aproba novos investimentos nos concellos con fondos propios e dos Next Generation
Por Oskar Viéitez |