O Enterriño da Sardiña fai protagonistas aos mais novos do Entroido de Bueu
Por Redacción
Os máis pequenos da casa puideron recuperar este mércores unha das tradicións máis senlleiras do Entroido de Bueu, o Desfile do Enterriño da Sardiña.
Tras dous anos sen ela pola pandemia, as asociacións de nais e pais da vila e diversos colectivos infantís volveron saír ás rúas da vila para despedir a este personaxe.
O percorrido iniciouse ás cinco da tarde na Praza do Concello, da man dunha sardiña xigante elaborada con globos, detrás das que foron as demais carrozas e grupos.
A comitiva pasou polas rúas de Montero Ríos, Alexandre Boveda e Pazos Fontenla, culminando no punto de inicio co estoupido dos globos por parte das persoas participantes.
Os nenos aínda terán este xoves unha nova oportunidade para divertirse coa festa de disfraces na carpa da Praza Massó, a partir das 17:00 horas.
O domingo será a quenda do Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que se iniciará ás cinco da tarde e que incluirá a queima na praia da Banda do Río, despois do tradicional percorrido polas rúas do casco urbano.