A solidariedade e 750 persoas, protagonistas na oitava edición da Andaina Montes e Praias
Marín gozará da oitava edición desta camiñada solidaria coa participación dun total de 750 persoas. O evento celebrarase o domingo 26 de febreiro e terá como finalidade axudar á AECC de Marín.
A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentou este xoves a nova edición xunto a representantes da organización e outras entidades colaboradoras.
Como principal novidade, a concelleira destacou que nesta ocasión o percorrido incluirá o interior da Escola Naval. En canto ao resto de características, a andaina seguerá a ser unha proba afastada das estradas que permite descubrir recunchos que se atopan no interior da cidade.
A Andaina Montes e Praias conta con dúas modalidades entre as que os participantes poderán escoller: a primeira é un percorrido alcanzable para todo o mundo; a segunda, doutra banda, ten unha distancia total duns 25 quilometros con máis de 1.000 metros de desnivel positivo entre tramos.
A concelleira explicou que a ruta variou nun 90%, polo que as persoas que participasen noutras ocasións poderán repetir a experiencia coñecendo novos lugares
"Pasaremos por sitios emblemáticos como o punto no que se unen Marín, Vilaboa e Moaña no Lago Castiñeiras, as fervenzas do río Neibó ou as propias praias, que son un clásico da andaina", apuntaba Cristina Acuña.