"Sempre houbo, hai e haberá mulleres. Neste libro podes atopalas"
Por Natalia Puga
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres unha das iniciativas que "máis ilusión" lle fai "como presidenta, como cidadá e como muller", a nova publicación da institución provincial en clave feminina. Trátase de '365 Días, 365 Mulleres', unha recompilación de 365 mulleres ás que entre marzo de 2021 e marzo de 2022 se deu difusión a través das redes sociais.
Desde o 8 de marzo de 2021, a Deputación de Pontevedra publica cada día na súa web e nas súas redes a figura dunha muller tanto galega como do ámbito internacional que destacan pola súa importancia histórica como actual no eido profesional. Agora, acaban de facer a primeira recompilación destas mulleres nun libro con vocación de continuidade que aspiran a que teña unha edición anual.
Carmela Silva explicou que esta iniciativa ten unha dobre orixe. Por unha banda, porque na Deputación estaban "cansas, fartas, moi aburridas de ver cada día conferencias, charlas e debates onde en moitos casos só hai participación de homes".
Segundo explica, sempre protestaban ante esta ausencia de mulleres e a resposta era "non encontramos mulleres", cando a presidenta considera que o que sucede é que "non buscan ben", ou fano "cunha mirada patriarcal".
Por outra banda, xurde en resposta á invisibilización das mulleres no eido educativo, ao constatar que "as mulleres non estamos nos libros de texto, só estamos representadas nun 7% como se non houbera mulleres nas ciencias naturais, nas ciencias sociais, as matemáticas, a física, a economía ou a literatura".
Ante esa "sensación de invisibilización", nace este libro, que permite que se alguén quere faltar de calquera tema, vexa que "sempre hai mulleres" e sempre atopará referentes femininos.
"Sempre, houbo, hai e haberá mulleres. Neste libro podes atopalas", insiste Carmela Silva. E este libro fala de mulleres de todos os eidos da actividade humana: científicas, premios Nobel, mulleres das letras e da comunicación, emprendedoras, directivas, artistas, deportistas, inventoras, descubridoras, das artes plásticas ou da música e activistas.
A Deputación xa editou 1.000 exemplares e vainos enviar aos centros de ensino e clubs de lectura da provincia, ás áreas de Igualdade das comunidades autónomas e do Goberno central e a todos os medios de comunicación, como "unha ferramenta para que ninguén máis diga que non atopa mulleres".
Relacionadas:
-
'Mulleres en Loita', de Amnistía Internacional, amosará historias de activistas no Gastroespazo do Mercado
Por Redacción |
-
O Manifesto da Deputación polo 8 de marzo reclama a unidade do movemento feminista
Por Oskar Viéitez |
-
'Cómicas, habelas hainas', un espectáculo de humor feito por mulleres para público adulto
Por Oskar Viéitez |
-
'Cambiemos o conto', un concurso para que o alumnado reflexione sobre a violencia machista e a igualdade
Por Redacción |
-
Extensa programación polo 25-N co lema 'Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Catro anos e unha pandemia despois nace o libro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación reivindica a axenda da paridade e a abolición da prostitución como "cuestións irrenunciables"
Por Oskar Viéitez |