Presentan denuncia por delito contra o patrimonio tralos destrozos no cruceiro da Illa
Por Redacción
O goberno local da Illa de Arousa formalizou este luns no posto da Garda Civil de Vilanova a denuncia polos actos vandálicos no cruceiro situado na rúa do mesmo nome ocorridos na madrugada deste domingo e que conforman un delito contra o patrimonio histórico.
Dará comezo así unha investigación que, segundo confirma o concelleiro de Servizos, Luís Arosa, levará aos axentes para buscar testemuñas que permitan identificar as persoas implicadas no acontecido cun cruceiro catalogado no Plan Xeral e que data do século XIX.
O atentado contra o cruceiro deixou a súa cruz esnaquizada en dez anacos que o Concello da Illa custodia no almacén municipal á espera de coordinar con Patrimonio como proceder a súa restauración.
A primeira intención de Luís Arosa é devolver o conxunto ao seu estado orixinal, recompoñendo os anacos ata formar unha única peza que volva coroar o cruceiro. De non ser posible, Arosa aposta pola súa reposición artesanal.
O cruceiro está formado por dous chanzos e unha base rectangular, un fuste de sección cadrada e capitel dórico con dobre imaxe, a da virxe mirando cara a rúa Campo dá Porta e a de Xesucristo mirando cara a rúa Salga.
O concelleiro considera "inaceptable" que se atente contra o patrimonio común con total impunidade e solicita ao veciñanza colaboración tanto para esclarecer estes feitos como para velar pola súa conservación, tanto de elementos históricos como das obras novas que se están executando.