Reforzo para a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Salnés
Por Redacción
Co obxectivo de consolidar o servizo de Atención temperá que a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) presta en Vilagarcía para os nove municipios do Salnés, o Concello ven de reforzar a súa colaboración coa entidade mediante apoio económico e loxístico.
A través da Concellería de Servizos Sociais vénse de conceder una subvención nominativa por importe de 1.200 euros ao colectivo e, ampliando a colaboración preexistente xa dende hai anos coa cesión en uso dun local no centro socio comunitario do Ramal, agora o Concello pon a súa disposición as segundas dependencias nestas mesmas instalacións municipais.
A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar da Comarca do Salnés, dependente da Asociación Galega de Atención Temperá, ten como obxectivo dar cobertura social ás familias con nenos de 0 a 6 anos de idades que presentan problemas ou situacións de risco para o seu normal desenvolvemento.
O servizo dispón de profesionais con formación en desenvolvemento infantil e apoio familiar que cobren as áreas propias da atención temperá: psicóloga/coordinadora da UDIAF, especialista en desenvolvemento infantil-psicomotricista, logopeda.
Entre as súas funcións están a acollida, valoración evolutiva e intervención interdisciplinaria dos nenos de 0 a 6 anos con trastornos ou situacións vulnerables do desenvolvemento; a aplicación integrada de técnicas relacionais, de estimulación, psicomotricidade, logopedia e psicoterapia; así como o apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento.
A Unidade de Atención Temperá ten a súa sede no Edificio da Antiga Aduana, na Avenida Rosalía de Castro, e tamén realizan labores informativas, de orientación e apoio relacionado co desenvolvemento persoal e as necesidades cotiáns e de orientación ás familias sobre apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais. Por último, encárganse da coordinación cos recursos sanitarios, educativos e sociais e apoio ás escolas infantís de primeiro e segundo ciclo, así como de traballar na sensibilización do contorno comunitario respecto da comprensión do neno con trastornos no desenvolvemento.