O Concello convoca á veciñanza de Fernando Olmedo para explicar o proxecto que acabará coas inundacións
Por Redacción
O Concello de Pontevedra convocou á veciñanza da rúa Padre Fernando Olmedo a unha xuntanza para darlles a coñecer o proxecto deseñado para acabar coas frecuentes inundacións que sufren esta rúa e as zonas próximas nas épocas de abundantes choivas.
Participarán neste encontró o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o enxeñeiro Ángel Colsa, técnico redactor deste plan, terá lugar o vindeiro xoves 9 de marzo ás 20:00 horas na sede da Cruz Vermella.
Iván Puentes sinala que "esta actuación se atopa en fase de autorización e encaixada na estratexia global de Augas de Galicia, sendo ademais asumible a nivel económico, cun custe estimando que se sitúa nuns 700.000 euros".
A razón fundamental dos asolagamentos radica en que toda a zona do Estadio da Xuventude e desta rúa está construída sobre unha xunqueira que era espazo de inundación natural do río cando se daban situacións de fortes choivas en pouco tempo que provocan incrementos de caudal de xeito moi repentino. Ao coincidir con mareas altas, co río Lérez cheo, o Valdecorvos, que antes inundaba na área que ocupa o Estadio e que agora desemboca canalizado no Lérez, atopa o tapón da auga do Lérez e inunda a zona máis baixa que atopa, é dicir, a rúa Fernando Olmedo.
A intervención plantexa o control das crecidas do rego de Valdecorvos mediante a creación dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal.
Preténdese actuar na parte alta, onde están a senda e o parque da urbanización de Valdecorvos, aproveitando unha vella canle do río que xa existía para regar e para desbordar o regato de xeito natural cara a esas veigas que había nesa zona, e construíndo dúas balsas, que a meirande parte dos días actuarán como lagoas artificiais que mellorarán a calidade deste parque e que, nos días de fortes choivas, asumirán o incremento de caudal.
As balsas proxectadas serán pouco profundas (de metro e medio no seu punto máis fondo), pero conseguirán reducir a altura do Valdecorvos ata un 30% cando se producen as choivas máis fortes. Isto traducirase en que, mesmo nas peores circunstancias, coas choivas máis fortes, que se producen unha vez cada dez anos, a área de inundación reduciríase nun 70%, o que significa a eliminación de practicamente tódolos desbordamentos en Padre Fernando Olmedo.
O proxecto tamén porá en valor o parque de Valdecorvos, xerando zonas verdes e lagoas que aumentarán a biodiversidade deste contorno, e a recuperación do patrimonio etnográfico ligado ao antigo uso do rego de Valdecorvos para regar as brañas da zona.
Con esta intervención tamén se prevé transformar a actual senda nun grande parque urbano.
Ademais de renaturalizarse o cauce do Valdecorvos, recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes en parte do borde hídrico (fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia) e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.
Na zona alta do treito recuperarase o trazado do cauce antigo, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de sauce e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe. Na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería. Na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.
Relacionadas:
-
'Pontevedra Flúe' aterra en Turín para propagar o seu modelo na Comisión Europea
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Lagoas artificiais en Valdecorvos, a solución municipal para as inundacións en Fernando Olmedo
Por Alejandro Espiño |
-
Fernando Olmedo, un barrio afundido entre o enfado e a resignación
Por Manu Otero |
-
Pontevedra ve "case imposible" impedir as inundacións en Fernando Olmedo e estuda medidas para "mitigalas"
Por Alejandro Espiño |