8M | As mulleres tamén son máis da metade na Fiscalía de Pontevedra: seis de cada dez
Por Natalia Puga
As mulleres son máis da metade da poboación e esa proporción tamén se ve, en Pontevedra, na Fiscalía Provincial. Segundo os datos oficiais feitos públicos con motivo do Día Internacional da Muller, son o 61% do persoal.
A Fiscalía Superior de Galicia fixo unha actualización da presenza de fiscalas en Galicia e confirmou a "posición maioritaria de mulleres".
A estatística pontevedresa reflicte un número lixeiramente inferior de mulleres que a media autonómica. Na provincia, 35 dos 57 fiscais son mulleres, un 61%. A central de Pontevedra conta con 16 fiscalas dun total de 28 e a delegación de Vigo con 19 fiscalas dun total de 29. Neste caso cobra especial relevancia que sexa unha muller a fiscal xefa de área de Vigo, Susana García-Baquero.
En Galicia, dos 149 fiscais de carreira en persoal na comunidade, 99 son mulleres, un 66% do total, moitas delas en postos de responsabilidade.
A presenza das mulleres directivas da carreira fiscal tamén se incrementou nos últimos anos. En Pontevedra, Carmen Novo Colldefors, recentemente xubilada, foi durante anos tenente fiscal e actualmente hai unha fiscala decana en Menores, Encarnación Bullón Martín, e a delegada autonómica de Violencia de Xénero é outra fiscala pontevedresa, Rosalina Carrera.
A estatística galega concorda cos datos da Fiscalía Xeral do Estado, onde dos 2.704 fiscais que hai actualmente en España, o 65% son mulleres, segundo os últimos indicadores de igualdade publicados este luns pola Fiscalía Xeral do Estado. A Fiscalía de Galicia ocupa o posto número 8 en porcentaxe de mulleres en persoal.
Por outra banda, nas Fiscalías Superiores as mulleres alcanzaron case a paridade: oito mulleres son fiscais superiores (47%) fronte a nove homes (53%). En canto ás xefaturas das fiscalías provinciais, as mulleres representan o 43%, mentres que os homes son o 57%. Nas xefaturas de Área, un destino xeralmente de xestión complexa, é onde a porcentaxe de mulleres é superior ao dos homes: 63% fronte ao 37%.
Segundo a estatística elaborada pola Fiscalía Xeral do Estado, a presenza das mulleres directivas da Carreira Fiscal, tanto en fiscalías territoriais, como en órganos centrais, incrementouse en dez puntos porcentuais entre 2019 a 2022. Así, dos 124 fiscais que ocupan unha xefatura, 59 mulleres son fiscais de Sala, fiscais superiores, xefas provinciais ou xefas de área.
Relacionadas:
-
Oito empresas da provincia foron sancionadas por incumprir a normativa de igualdade en 2022
Por Redacción |
-
8M | Pontevedra volve saír á rúa: “Somos feministas os 365 días do ano”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
8M | Reivindicar o papel das mulleres, eixe dos actos conmemorativos no campus pontevedrés
Por Redacción |
-
A fiscal de violencia sobre a muller de Pontevedra, nova responsable do cargo a nivel galego
Por Natalia Puga |
-
Carmen Novo presenta a súa segunda novela arroupada por Almenar e o seu editor
Por Redacción |
-
Carmen Novo: "Non deixarei de ser fiscal, se fose escritora morrería de fame"
Por Natalia Puga |
-
Carmen Novo: Busco abrir los ojos sobre la desigualdad y la violencia de género
Por Natalia Puga |