Inician a reparación da estrada do Muíño, afundida polos desperfectos da estrutura de drenaxe
Por Redacción
Os servizos técnicos xa se atopan traballando para reparar o buraco que se abría na estrada provincial EP-0603 entre O Muíño e Campañó, no municipio de Poio, durante a noite do sábado 11.
Segundo informa a Deputación de Pontevedra, a maquinaria desprazarase ao longo da xornada ao lugar onde se rexistrou a avaría. A inspección visual realizada inicialmente reflicte que este problema se debe á deterioración da estrutura de drenaxe transversal por mor das fortes choivas.
Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, indica que a reparación consistirá na apertura transversal no punto onde se produciu o afundimento para cambiar unha vella canle de drenaxe de pedra por unha estrutura prefabricada e con sección suficiente.
A duración dos traballos dependerá, segundo a Deputación, da situación que o persoal técnico atope unha vez se realice a apertura da calzada e a comprobación exhaustiva dos danos.
Tras a primeira intervención de Protección Civil de Poio, o tráfico foi desviado xa durante esa mesma noite por vías alternativas, para evitar este punto situado á altura da Ponte dos Demos. Ata que finalice a reparación da calzada non se poderá abrir a circulación nesta vía.
Agís sinala que se estuda a posibilidade de que se poida retomar cun firme provisional, dado que a Deputación mantén aberto un expediente de contratación para asfaltar este tramo da EP-0603.
Relacionadas:
-
Reabren a estrada do Muíño tras reparar o burato que apareceu na vía
Por Redacción |
-
Cortan unha estrada de Poio ao afundirse parte da calzada
Por Redacción |
-
Adxudicados os traballos para dotar dunha cuneta transitable á estrada do Muíño
Por Oskar Viéitez |
-
Sae a licitación a mellora da drenaxe da estrada entre Muíño e Campañó
Por Redacción |