Adxudicados os traballos para dotar dunha cuneta transitable á estrada do Muíño
Por Oskar Viéitez
A Deputación vén de adxudicar os traballos á empresa Montajes JM Iglesias cun orzamento de 155.901 euros as obras que evitarán a acumulación de auga na calzada da estrada provincial EP-0603, que une O Muíño (Poio) con Campañó (Pontevedra). O prazo para executar esta actuación é de catro meses.
A obra afecta a un treito de máis dun quilómetro e medio desta estrada, que ten un trazado total de 2,3 quilómetros, onde tamén haberá unha importante mellora da mobilidade peonil pois dotarase a estes 1.540 metros dunha cuneta transitable de 1,50 metros de anchura que, polas súas características e suave pendente permite tanto o paso de persoas a pé como en bicicleta.
A estreitura da vía provincial, a súa pendente e a existencia de numerosas edificacións pegadas ás súas beiras na zona do Muíño, en dirección á confluencia coa estrada autonómica da costa PO-308, facilitan a escorrenta das augas pluviais, polo que se considera necesario realizar unha actuación preventiva para protexer todas estas vivendas e propiedades da acción da auga nos días de tormenta.
Así, dende o comezo da vía no entronque coa PO-308 e ata o punto quilométrico 1+540 vaise realizar unha actuación que permitirá canalizar adecuadamente as pluviais, pois ademais da construción de noiros e terrapléns, procederase ao levantado do firme para a colocación da nova tubaxe drenante de gran capacidade, con 315 milímetros de sección, que transcorrerá baixo a cuneta transitable.
O proxecto tamén contempla o reforzo de noiros, incluíndo o levantado dun muro de contención de ata 3,5 metros de altura a base de bloques de pedra natural para a contención de terras.
Relacionadas:
-
Aprobado o proxecto de mellora da estrada provincial O Muíño-Campañó
Por Redacción |
-
Inician a reparación da estrada do Muíño, afundida polos desperfectos da estrutura de drenaxe
Por Redacción |
-
As obras de reacondicionamento da estrada do Muíño, na súa recta final
Por Redacción |
-
Sae a licitación a mellora da drenaxe da estrada entre Muíño e Campañó
Por Redacción |