Os arquitectos premian en Sanxenxo dezaseis exemplos dun urbanismo "responsable e sostible"
Por Redacción
O auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán acolleu este sábado o acto de entrega dos Premios 'Gran de Area' de Aportación á Arquitectura 2022, organizado polas delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer aquelas obras que pola súa exemplaridade sirvan como mostra do facer arquitectónico do sur da comunidade e sexan referentes dun urbanismo "responsable e sostible" que respecte o territorio e se integre nel.
Nesta ocasión, as obras englóbanse en máis de dez tipoloxías diferentes polo seu carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diversas que van desde pequenas intervencións a outras que resolven espazos urbanos a nivel cidade.
Entre os dezaseis premiados houbo seis proxectos executados na área de Pontevedra.
Foron Fermín González Blanco, pola transformación do patio do colexio de A Torre-Cela (Bueu); Luciano González Domínguez e Miguel Estévez, por dúas naves adosadas para centro loxístico en A Reigosa (Ponte Caldelas); ou Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López, pola horta e invernadoiro do restaurante Culler de Pau (O Grove).
Os outros tres galardóns foron para María García Couto, polo centro cultural e turístico Antonio Fraguas (Cerdedo-Cotobade); Santiago Pintos Pena e Jaime Rodríguez Abilleira, pola reforma do restaurante Albanta (Vilaboa); e José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, pola humanización da Praza da Feira (A Estrada).