O parque de bombeiros de Vilagarcía pechou este xoves por falta de persoal
Por Oskar Viéitez
O parque de Bombeiros de Vilagarcía permaneceu pechado durante toda a xornada do Xoves Santo pola falta de persoal.
Só había dous bombeiros dispoñibles para realizar a garda en Vilagarcía, cando a normativa establece que o retén mínimo debe ser de polo menos tres. Estes dous traballadores desprazáronse a Ribadumia, para prestar alí servizo.
O conflito laboral no que está inmerso este servizo provocou que nesta ocasión outros traballadores do parque non evitasen o peche facendo horas extraordinarias de maneira voluntaria.
Os traballadores deixaron de prestar este servizo voluntario e as gardas extraordinarias como medida de protesta tras un ano de atraso na revisión dos seus contratos para que os convertan en persoal laboral fixo.
Este pasado luns tivo lugar un primeiro encontro entre os sindicatos e os responsables do Consorcio Provincial, que xestionan a Deputación de Pontevedra e a Xunta e que ten bases en Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa.
O comité de empresa lembra que hai un ano que o Tribunal Supremo unificou doutrina sobre o tipo de contrato a aplicar cando se produce a subrogación do persoal indefinido na empresa privada como persoal laboral fixo na empresa pública.
MALESTAR
A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que participan ao 50% no Consorcio Provincial Contra Incendios, expresaron a súa indignación tras a decisión "legal pero non lexítima, nin responsable" dun dos efectivos do Parque de Vilagarcía que solicitou "24 horas sindicais" para este xoves 6 de abril, día festivo en Galicia. Esta decisión obrigou ao Xefe do Parque a ter que pechar a instalación, xa que legalmente é necesario que a dotación estea cuberta por tres efectivos e unha vez que tampouco as chamadas para cubrir a súa baixa resultaran frutíferas entre o resto do persoal que non tiña que traballar.
Ambas administracións sinalan que o peche do Parque de Vilagarcía, en calquera caso, "non deixou sen cobertura nin seguridade á zona da provincia ao que está destinado, xa que se fixo unha inmediata reorganización do servizo", trasladando aos dous efectivos que traballaban en Vilagarcía ao operativo do Parque contiguo de Ribadumia, que este xoves funcionou con 5 axentes e sen incidencias e que, amais, está na mesma isocrona que as instalacións arousáns.
Aínda así, o Consorcio Provincial expresou o seu "malestar" ante unha decisión "completamente irresponsable e máis cando coñecía perfectamente as consecuencias que tería a decisión de coller 24 horas sindicais nun día festivo, algo incomprensible, por moi legal que sexa, nun traballador dun servicio público e nunha actividade tan esencial e básica para a cidadanía como son as emerxencias".
Relacionadas:
-
Bombeiros dos parques comarcais de Galicia abordan a Deputación para demandar mellores condicións laborais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Parque de Bombeiros de Vilagarcía, sen servizo este luns debido ao conflito laboral
Por Anxo Lourido |
-
O Consorcio Provincial Contraincendios ten unha boa saúde económica
Por Redacción |
-
Carmela Silva considera "inxustificada" a folga dos bombeiros do consorcio e atribúea a un intento de "presionar" polas eleccións
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros do consorcio provincial convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores do Consorcio de Bombeiros denuncian falta de persoal que o día de Reis obrigou a pechar o parque de Vilagarcía
Por Redacción |