Bueu volverá render homenaxe ao alcalde, poeta e xornalista Johan Carballeira
Bueu acollerá o 14 e o 16 de abril un programa de actividades en homenaxe a Johan Carballeira -alcalde, poeta e xornalista- coa fin de celebrar o 86º aniversario do seu fusilamento.
Os actos, organizados polo Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira, darán comezo o venres 14 de abril ás 20:00 horas no Centro Social do Mar coa proxección de balde de Acorda, un documental elaborado polo departamento provincial de Memoria Histórica e producido pola Deputación de Pontevedra.
A través da música, o audiovisual pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia e homenaxear ás vítimas que perderon a vida na loita pola democracia e a liberdade.
Para iso, o proxecto conta cun elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, Eduardo R. ou Cunha Tatán e diferentes testemuñas reais. Voces do panorama musical galego actual como Tanxugueiras, Ugía Pedreira, Emilio Rúa ou Ezetaerre son outras das figuras participantes,
O domingo 16 ás 12:00 celebrarase a tradicional ofrenda floral na praia da Banda do Río, xunto ao monumento dedicado a Carballeira. O acto contará coas intervencións do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, de Enriqueta Molas -presidenta de Memoria Histórica Marín- e de Félix Juncal -alcalde do Concello de Bueu-. A xornada rematará coa interpretación musical da violinista Lía Vilas.