Impulsan desde Pontevedra un ambicioso proxecto de investigación de vidros ultralixeiros
Por Alejandro Espiño
Pontevedresa Group, a antiga Cristalería Pontevedresa, lidera un ambicioso proxecto que aspira a formar parte do primeiro PERTE que recibe a cidade e a comarca de Pontevedra. Estaría centrado na investigación de vidros ultralixeiros de alta resistencia.
Os PERTE son proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica que, co aval de Bruxelas, puxo en marcha o Goberno en diferentes sectores, incentivando a colaboración público-privada para fomentar a economía e a creación de emprego.
A iniciativa presentada por un consorcio galego liderado por Pontevedresa Group denomínase "Ecolight Glass".
Nace, segundo os seus responsables, co obxectivo de desenvolver un proxecto de investigación industrial de vidros ultralixeiros de alta resistencia aplicados ao sector da fachada arquitectural.
Está baseado nalgúns principios da tecnoloxía STT pero evolucionada para reducir o espesor de vidro ata os 3 milímetros, chegando mesmo a tan só 2,8 milímetros en vidros de maior formato para a arquitectura.
O propósito é baixar e optimizar o espesor para reducir o consumo de vidro float primario e así reducir o consumo de gas natural usado en caldeiras que fabrican dita materia prima, entre un 30% e un 60%, así como as emisións de metano e CO2.
"É un proxecto clave para a autonomía enerxética e estratéxica do noso país onde a nosa dependencia do gas inflacionou o vidro primario un 150%", subliña a compañía.
De aprobarse, esta sería a segunda fase do plan industrial de investimentos de Pontevedresa Group, que recolle actuacións por un valor de 10 millóns de euros, o maior investimento en vidro técnico tépedo e laminado actualmente en curso en todo o sur de Europa.
Dentro dos proxectos xa executados está o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía STT 4.0, que permite crear formatos de vidrios ultrafinos curvados e planos para o sector da automoción así como grandes dimensións arquitecturales curvas en altos espesores.
Para avanzar en todo este plan, a compañía sumou 12.000 metros cadrados máis de superficie á súa sede central na Reigosa, ocupando xa un espazo de 35.000 metros cadrados.