O PP denuncia os prexuízos que está a causar en Raxó o retraso da obra de Ramón Encinas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular de Poio denuncia o retraso que leva a obra de Ramón Encinas, en Raxó, "que está prexudicando a veciños, visitantes, negocios, empresas e hostalería".
O portavoz do PP, Ángel Moldes recordou que cando o Concello presentou a reforma "prometeu que en Semana Santa terían rematado máis do 80% e que quedarían pequenos detalles para concluír a obra antes do verán". Sen embargo, Moldes asegura que "a realidade é que a día de hoxe non se executou nin o 10%, moitos días nin hai operarios traballando e cando están só son tres obreiros".
O voceiro popular subliña que este retraso xa provocou prexuízos e perdas a moitos negocios, na hostalería e tamén para veciños e turistas durante a Semana Santa, pero di que "é aínda máis preocupante o que pode acontecer, porque a este ritmo non terminan a tempo tampouco para o verán".
Moldes propón que Concello de Poio se reúna coa empresa e que solicite un cambio de ritmo na execución que incremente o número de operarios.
Os populares tamén esixen "máis coordinación" para que durante as fins de semana e nas próximas pontes festivas "a obra quede minimamente adaptada para poder pasar e os negocios poidan seguir traballando".
RESPOSTA DO CONCELLO
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, saíu ao paso destas declaracións do PP para contestar que "a día de hoxe estanse a cumprir os prazos da obra que se está a executar na rúa Ramón Encinas de Raxó".
Agís asegura que "se non se produce ningún contratempo estarán practicamente rematadas antes do mes de xullo", ao tempo que lamentou a "insistencia" por parte do portavoz do Partido Popular en "buscar polémicas e malestares con absolutamente todas as actuacións, obras e melloras que impulsamos desde o Concello. Unha vez máis queda claro que o que é bo para Poio molesta ao señor Moldes e aos seus intereses políticos".
O concelleiro de Urbanismo apuntou que no seu día mantivo reunións co tecido hosteleiro de Raxó para explicarlle os detalles da actuación, que "somos conscientes de que é complexa, pero tamén de que servirá para consolidar unha transformación espectacular deste tramo da fachada costeira do noso municipio".
A reforma lévase a cabo con fondos europeos, xestionados ante o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) por preto de 800.000 euros, e supoñen a dotación de servizos básicos, reforzo da seguridade viaria e respecto pola contorna.
Relacionadas:
-
O PP de Poio celebrará el domingo 14 de maio a súa Romaría no Monte Castrove
Por Redacción |
-
O PP de Poio comprométese a dotar de saneamento a Vilariño e ampliar o parque infantil
Por Redacción |
-
Larriba reivindica a reforma do paseo de Raxó como exemplo do compromiso do Goberno con Poio
Por Redacción |
-
Inminente inicio da humanización da rúa Ramón Encinas de Raxó
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto para a reforma integral da rúa Ramón Encinas, en Raxó
Por Redacción |
-
Gregorio Agís informa á veciñanza sobre o proxecto de mellora integral de Ramón Encinas
Por Redacción |