Larriba reivindica a reforma do paseo de Raxó como exemplo do compromiso do Goberno con Poio
Por Redacción
Estaba prevista a visita do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones pero a comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciando o seu nomeamento como ministro de Sanidade mudou os planes e tivo que ser a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a que visitase este luns os traballos de humanización e reforma da Rúa Ramón Encinas, no paseo de Raxó.
A subdelegada estivo acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e outros membros da corporación local.
Estas obras, que permitirán recuperar parte da fachada costeira da localidade e supoñen unha inversión de máis de 800.000 euros, están financiadas cunha axuda de medio millón de euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Esta actuación tamén permitirá actualizar o sistema de saneamento, as pluviais e de telecomunicación desta zona, ademais da pavimentación de 300 metros de paseo con materiais sostibles, así como a creación de dúas zonas exclusivas para peóns. Unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona.
A subdelegada incidiu en que estas obras "mellorarán dun xeito definitivo a accesibilidade e o tránsito peonil desta zona costeira, favorecendo ademais o uso da bicicleta".
A subdelegada incidiu en que tamén o Plan de Recuperación do Goberno está a chegar a Poio "para mellorar o seu comercio de proximidade, a súa educación, a súa cobertura de banda ancha e as súas instalacións municipais, entre outros".
Neste sentido, recordou que o municipio vén de recibir unha subvención de 158.480 euros no marco do Pirep Local, para rehabilitar e ampliar a antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira.
Relacionadas:
-
A primeira fase da humanización do paseo marítimo de Raxó estará rematada a finais deste mes
Por Redacción |
-
O PP denuncia os prexuízos que está a causar en Raxó o retraso da obra de Ramón Encinas
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Inminente inicio da humanización da rúa Ramón Encinas de Raxó
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto para a reforma integral da rúa Ramón Encinas, en Raxó
Por Redacción |