Acepta unha condena de dous anos de prisión por agredir sexualmente un menor
Por Oskar Viéitez
Un home acusado de agredir sexualmente en 2010 a un menor aceptou unha condena de dous anos de prisión.
O xuízo estaba sinalado para este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial pero non se chegou a celebrar ao alcanzar as partes un acordo de conformidade que evitou a vista oral.
En todo caso a Fiscalía pedira que o xuízo se celebrase a porta pechada para protexer a intimidade da vítima, menor de 16 anos cando ocorreron os feitos.
Inicialmente a Fiscalía pedía oito anos de cárcere e un período de afastamento de nove anos da súa vítima, unha vez concluída a pena de prisión. Do mesmo xeito, solicitaba liberdade vixiada durante eses nove anos e que se lle impedise realizar traballos relacionados con menores.
Con todo, á hora de negociar este acordo foron tidas en conta as numerosas circunstancias atenuantes así como o feito de que o procesado xa pagou unha indemnización para a vítima de 25.000 euros polo prexuízo moral causado.
Ademais acordouse a suspensión da pena de dous anos de prisión condicionada a que o condenado siga un curso de educación sexual.
O tribunal ditará sentenza nos mesmos termos que se acordou e esta será firme sen que caiba posibilidade de recurso contra ela.