O Concello volverá achegar 110.000 euros para as ludotecas de verán da Fanpa
Por Manu Otero
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Educación, Tino Fernández, mantiveron este luns unha reunión con representantes da Fanpa para abordar o financiamento das ludotecas de verán que cada ano organiza este colectivo de pais e nais.
O encontro serviu para confirmar que a achega municipal a estas actividades de verán manterase nos 110.000 euros achegados xa o pasado ano. Explicou o rexedor que "había dúbidas pola cuestión do orzamento, porque son prorrogados, e tivemos que facer unha modificación de crédito para ter dispoñible esa cantidade".
"Contar co apoio do Concello é fundamental, se non non poderiamos facer estas actividades así", puntualizou o presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, moi orgulloso por organizar verán tras verán "unhas ludotecas axeitadas e exemplares para todo ou mundo, porque hai cidades máis grandes en Galicia que teñen menos prazas".
Coa "tranquilidade de saber que esta cuestión está resolta", desde a Fanpa céntranse agora en contratar todos os servizos necesarios para organizar estas actividades.
O prazo de solicitude de praza está aínda pechado, pero desde a entidade estiman que estarán dispoñibles ao redor de 1.800 quendas desde a última semana de xuño ata a primeira de setembro. "Sempre tentamos non deixar a ninguén fóra, pero ás veces non podes coller o sitio que querías", puntualiza o presidente.