O Concello mantén a súa aposta por mercacuntis.gal para fomentar o consumo de proximidade
Por Redacción
O Concello de Cuntis presentaba no ano 2020 durante a pandemia a súa páxina web municipal mercacuntis.gal, un espazo virtual que nacía como resposta ante a crise provocada pola Covid-19 co obxectivo de fomentar o consumo de proximidade e así reactivar a economía local.
A plataforma que ven funcionando ininterrompidamente dende ese ano, converteuse nunha referencia grazas a que contén de maneira detallada e ordenada, toda a información que necesitan as persoas consumidoras para mercar e consumir en Cuntis calquera tipo de produto ou servizo. Concretamente, o proxecto acolle un total de 205 establecementos, empresas e negocios, que van dende os sectores da alimentación e a moda ata hostalería, aloxamentos, construción ou transporte.
Deste xeito, MercaCuntis agrupa nunha soa plataforma toda a oferta do municipio dunha maneira sinxela e intuitiva, que permite ás persoas usuarias chegar ao servizo que precisan e se oferta no concello.
En concreto, permite filtrar dende a páxina de inicio a actividade e as agrupacións comerciais de maneira que a clientela poida acceder e contactar co establecemento desexado con facilidade. Unha vez realizada a busca, a páxina permite enlazar de maneira directa coa páxina web do establecemento (no caso de que a teña), á súa xeolocalización, ás cartas dos menús dos negocios de hostalería, e tamén coas redes sociais ou cos medios de contacto, facilitando moito o proceso de compra e adquisición dun ben ou servizo.
A iniciativa non só serve para dar a coñecer os produtos, servizos e comercios a nivel local, senón que funciona tamén como escaparate de Cuntis ao resto do mundo a tan só un clic.
O alcalde, Manuel Campos, sinalou que "este proxecto foi unha das grandes apostas do Concello de Cuntis dentro das diferentes medidas que se puxeron en marcha no proceso de reactivación económica tras a crise sanitaria da Covid-19".
Segundo o rexedor, Cuntis foi un dos primeiros Concellos da provincia e de toda Galicia en activar un proxecto deste tipo, pero o máis importante é que á volta a normalidade non parou o proxecto, senón que aumentou a súa actividade.
"Apoiar á nosa xente é fundamental para soster a economía local", por iso, engadiu, "seguimos mantendo a páxina web ao igual que a actividade diaria nas redes sociais, que axudan sen dúbida para que os nosos establecementos incrementen as súas vendas".
A páxina web foi creada en estreita colaboración co comercio de Cuntis e por persoal municipal, o que supuxo un importante aforro económico para o Concello. Todos os establecementos e servizos inscribíronse de maneira totalmente de balde, facilitándolles tamén de balde uns códigos qr nos que a clientela tivera a posibilidade de acceder ás cartas dos menús nos negocios de hostalería.
De maneira paralela, o Concello a través da Aula CeMIT asesora en materia de dixitalización a aqueles establecementos que aínda non teñen páxina web ou redes sociais coa finalidade de axudarlles a adaptarse aos novos modelos de consumo e así favorecer o incremento das vendas.
O alcalde animou a todos os veciños e veciñas a facer uso da páxina e a difundila para que chegue ao maior número de persoas posible.
Así mesmo, mostrou o seu agradecemento ao persoal do Concello "que realizou un gran traballo e se esforzou moito na creación desta plataforma". Por último deulles as grazas a todos os establecementos, autónomos ou empresas que participaron facilitando datos e información. Para resolver calquera dúbida ou para calquera consulta permanece activo o correo electrónico info@mercacuntis.com
Os custos derivados desta iniciativa e doutras postas en marcha co obxecto de reactivar a economía local están financiados tanto polo Concello de Cuntis como a través de fondos provinciais co apoio económico da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
MercaCuntis suma unha guía física á web que reúne os comercios do municipio
Por Redacción |
-
Cuntis impulsa un paquete de medidas para paliar os efectos da crise no comercio e a hostalería
Por Redacción |
-
Cuntis convida aos seus hostaleiros a abandonar as cartas e pasar aos códigos QR
Por Redacción |
-
Nace Mercacuntis, a plataforma web para realizar compras no comercio local
Por Redacción |