Nace Mercacuntis, a plataforma web para realizar compras no comercio local
Por Redacción
Mercacuntis é o nome da páxina web lanzada polo Concello de Cuntis este venres para fomentar o consumo de proximidade e reactivar a economía local despois da graves crise derivada da expansión da Covid-19.
Esta plataforma ofrece datos ordenados sobre os establecementos que poida necesitar calquera persoa interesada en comprar produtos dentro do municipio. Recóllense 210 locais comerciais, negocios e empresas que traballan en sectores como o da moda, a alimentación, construción, transporte, aloxamentos ou o turístico.
Esta opción permite ao cliente enlazar de maneira directa coa páxina web do establecemento, coas súas redes sociais e coas súas fórmulas de contacto para facilitar a adquisición de bens ou servizos.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, mostrábase moi satisfeito con esta iniciativa durante a presentación indicando que se trata dunha das grandes apostas dentro das medidas adoptadas para reactivar a economía local. Asegura que Cuntis é un dos primeiros municipios de Galicia que activa unha fórmula como esta na que se engloban a gran maioría de propostas comerciais do Concello nunha soa web. O rexedor espera que esta paxina conte con boa acollida e sirva para que os establecementos locais incrementen as súas vendas.
Esta web foi elaborada polo persoal municipal en colaboración co comercio de Cuntis, cun importante aforro para o Concello ao non ser necesaria a externalización do servizo. Todos os establecementos inscribíronse de maneira gratuíta e agora o Concello asesora en materia de dixitalización a aqueles locais que carecen de páxina web ou de redes sociais para que se adapten aos novos modos de consumo.
Desde o goberno local sinalan que para resolver calquera dúbida ou para realizar consultas permanece activo o correo electrónico info@mercacuntis.com. O proxecto conta co financiamento do Concello de Cuntis en colaboración cos fondos provinciais da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Concello mantén a súa aposta por mercacuntis.gal para fomentar o consumo de proximidade
Por Redacción |
-
MercaCuntis suma unha guía física á web que reúne os comercios do municipio
Por Redacción |
-
Cuntis investiu este ano 105.000 euros en programas educativos e axudas ao estudo
Por Redacción |
-
As tendas de Cuntis únense á campaña do Comercio Seguro
Por Redacción |
-
Cuntis fomenta o comercio dixital para atraer clientes ás tendas locais
Por María José Pita |