57 concellos da provincia presentaron proxectos ao programa PON2030 da Deputación
Por Redacción
Un total de 57 concellos de menos de 50.000 habitantes presentaron proxectos ao denominado PON2030 un programa lanzado pola Deputación de Pontevedra coa finalidade de garantir a prestación dos servizos públicos municipais e "seguir avanzando" no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou que o venres 21 de abril pechouse o prazo de presentación de solicitudes e, segundo a presidenta provincial, "a acollida non puido ser mellor".
Todos estes concellos presentan proxectos para obter financiamento por máis de 30 millóns de euros aínda que o PON2030 está dotado con 22 millóns de euros, para grandes obras de infraestruturas e dotacións municipais.
Das actuacións que se demandaron 29 son para a recuperación de espazo público, 12 en instalacións deportivas, 6 de eficiencia enerxética, 5 en equipamentos socioculturais, 2 en instalacións turísticas, 2 en cumprimento da Lei de Residuos e 1 de recuperación patrimonial.
Agora será unha comisión técnica a que avalíe os proxectos "tendo en cuenta a madurez, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade e a consecución de obxectivos da Axenda2030". Despois da resolución definitiva, asinarase un convenio cos concellos beneficiarios.
A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo este anuncio no transcurso dunha comparecencia celebrada este venres para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno na que se mobilizaron recursos para concellos e asociacións por 1,4 millóns de euros "para seguir garantindo dereitos e servizos na provincia".
Son 100.000 euros do Plan Concellos para a adquisición do Colexio das Monxas no Grove para usos sociais, case millón de euros en iluminación exterior sostible en 8 concellos e 324.000 euros para a adxudicación da xestión do programa ‘Conectadas’ á empresa Forox Innovación.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio non consegue a subvención para facer obras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobados os convenios cos Concellos no último pleno de Carmela Silva como presidenta
Por Redacción |
-
Unanimidade na Corporación provincial para sacar adiante o Plan Pon2030
Por Oskar Viéitez |