O Concello de Poio non consegue a subvención para facer obras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén
Por Oskar Viéitez
O proxecto do Concello de Poio para recuperar os espazos públicos e mellorar a mobilidade peonil no entorno dos núcleos de Viñas e As Laxes non acadou a puntuación mínima esixida nas bases do Programa Provincial PON2030, da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, amosou a súa sorpresa ao recibir a noticia do rexeitamento dunha subvención "que o anterior Goberno local e, en concreto, o anterior concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, daba por feito e anunciou aos veciños durante a campaña electoral".
Pero, ademais, o alcalde cuestiona que o edil socialista, "que tamén é o deputado provincial de Infraestruturas ata que cambie o Goberno provincial a próxima semana", fose "incapaz de presentar un proxecto que cumprise coa puntuación mínima necesaria para acadar este investimento".
"Era o responsable no Concello de Poio e na Deputación de Pontevedra desas áreas, é incrible que presentase un proxecto que non estivese á altura, que incumpra as bases que foron elaboradas polo seu departamento e que quede excluído dos investimentos deste plan provincial", lamenta o alcalde.
O proxecto, que ascendía a un millón de euros, dos que o Concello de Poio tería que aportar o 20%, consistía en mellorar as rúas Travesía Porteliña, Viñas, Camiño Poio de Arriba, Camiño Laxes e Praza de Laxes.
Agora, sinala Moldes, "teremos que explicarlle aos veciños que o anterior Goberno local fixo con eles o conto da leiteira: vendeulles unas obras e unhas melloras que agora nos denega a Deputación de Pontevedra porque non se presentou un proxecto á altura do que requirían".
Relacionadas:
-
O PSOE recorda a Moldes "os millóns de euros acadados por Agís" durante o seu goberno para impulsar proxectos en Poio
Por Redacción |
-
Aprobados os convenios cos Concellos no último pleno de Carmela Silva como presidenta
Por Redacción |
-
57 concellos da provincia presentaron proxectos ao programa PON2030 da Deputación
Por Redacción |
-
O Concello de Poio programa novas obras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén
Por Redacción |