Avanzan as obras en Camiño da Fontiña coa retirada da vella pavimentación
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo informou dos avances rexistrados na obra do Camiño da Fontiña, en Bordóns, que comezou esta semana coa demolición da vella pavimentación e co recoñecemento dos servizos de subministración e saneamento existentes para proceder á súa renovación.
A adxudicataria é E.C.Casas que executará os traballos por 69.210 euros e un prazo de mes e medio.
A actuación céntrase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón, que se atopa en avanzado estado de deterioración, e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.
A superficie de actuación para pavimentar é de 565,48 metros cadrados e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as bajantes existentes das vivendas. Ademais, colocaranse canlóns con reixas de fundición para eliminar a auga superficial do camiño, así como as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.
Tras os traballos deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o vial ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto. O estreito ramal da marxe esquerda pavimentarase cun formigón coloreado.
A obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O prazo de garantía das obras é de 12 meses.
Doutra banda, o Concello xa conta cunha proposta de adxudicación para o asfaltado de 16 viais nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúen a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintado.
A empresa proposta, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. amplía o prazo de garantía da obra a 4 anos e reduce o importe a 862.095 euros. A previsión é que os traballos comecen nos próximos días.
Relacionadas:
-
Conclúe a humanización do Camiño da Fontiña e do acceso adxacente en Bordóns
Por Redacción |
-
O plan de asfaltado expándese polas parroquias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A nova senda fluvial de Dorrón, para Rajoy, "vai competir agora con outros roteiros moi bonitos que hai en Galicia"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Sae a licitación o plan de asfaltados de 16 pistas de Sanxenxo por 866.427 euros
Por Redacción |
-
Sanxenxo humanizará o Camiño da Fontiña, en Bordóns
Por Redacción |